A Xunta salienta o papel do emprendemento e a iniciativa empresarial das mulleres no desenvolvemento do tecido produtivo galego

Martes, 11 Mai 2021 12:00

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá nun encontro dixital de traballo coa Asociación de Mulleres Empresarias de Galicia co obxectivo de dar a coñecer os apoios activados polo Goberno galego. Destaca a capacidade de resistencia e de adaptación das empresas da Comunidade no actual contexto –especialmente das pemes– e os fondos Next Generation como motores de crecemento económico e social.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2021.- O director do Igape, Fernando Guldrís, destacou hoxe, no almorzo de traballo dixital organizado pola Asociación de Mulleres Empresarias de Galicia para abordar as liñas de axudas activadas pola Xunta para apoiar a actividade das empresas, o papel destacado que desempeñan as mulleres galegas no desenvolvemento do tecido produtivo da Comunidade, abandeirando a posta en marcha das novas iniciativas empresariais.

Guldrís subliñou que, segundo os datos dispoñibles sobre o emprendemento en Galicia ata a aparición da pandemia da covid-19, son as mulleres as que lideran a creación de empresas nos últimos anos con respecto a toda a poboación, ocupando ademais as galegas unha posición destacada con respecto ao resto das comunidades autónomas, só superada en 2019 por Cataluña.

O director do Igape sinalou que os avances conseguidos neste eido nos últimos anos deben ser mantidos e ampliados a pesar do contexto económico derivado da pandemia. Engadiu que o Goberno galego segue a promover o emprendemento co catálogo de axudas en funcionamento, dirixido a apoiar tanto a posta en marcha de novas iniciativas empresariais como a mellora da competitividade das empresas con máis traxectoria, especialmente das pemes.

Ademais, agradeceu os esforzos que está a realizar o tecido produtivo galego e puxo en valor súa a capacidade de resistencia, reinvención e adaptación que, segundo Guldrís, contribúe a que a economía da Comunidade mostre síntomas de máis fortaleza que o conxunto estatal. Incidiu tamén en que a Xunta traballa en colaboración cos diferentes axentes económicos para facer da candidatura galega aos fondos europeos Next Generation a proposta que mellor garanta a recuperación a partir da dixitalización, a innovación, a economía verde e circular, a sustentabilidade e a transformación empresarial.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis