A Xunta incide en que Galicia ten a oportunidade de despregar a eólica mariña desde o diálogo e a compatibilidade coa actividade pesqueira

Luns, 06 Marzo 2023 09:22
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, clausurou hoxe en Ferrol o encontro Galician Offshore Internacional Hub, onde subliñou que a Comunidade pode posicionarse como un referente non só a nivel tecnolóxico e industrial, senón tamén en termos de xeración.
  • Pon en valor a colaboración de máis de sete anos que ten Iberdrola con Navantia e Windar; os plans de expansión de Nervión Naval Offshore ou as futuras instalacións de Cobra e Saitec no porto exterior da Coruña.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, incidiu hoxe en Ferrol, na clausura do encontro Galician Offshore International Hub (GOInterHUB) en que Galicia ten a oportunidade de despregar as enerxías renovables, e a eólica mariña en particular, desde o diálogo e a compatibilidade coa actividade pesqueira.

O vicepresidente primeiro apuntou que Galicia pode posicionarse neste contexto como un referente non só a nivel de desenvolvemento tecnolóxico e industrial, senón tamén en termos de xeración. Conde fixo fincapé en que ese obxectivo non pode darse a calquera prezo, xa que por enriba de todo está a preservación dos ecosistemas mariños e a defensa do sector da pesca.

Na súa intervención, o vicepresidente primeiro reivindicou a experiencia de Galicia no eido industrial, poñendo como exemplo a colaboración de máis de sete anos que ten Iberdrola con Navantia e Windar, que suma contratos de eólica mariña por valor de preto de 1.300 millóns de euros; os plans de expansión de Nervión Naval Offshore no porto exterior de Ferrol e agora tamén na antiga planta de Siemens Gamesa; ou as futuras instalacións de Cobra e Saitec no porto exterior da Coruña.

Tal e como lembrou o responsable de Economía, Industria e Innovación, Galicia creou o Observatorio de eólica mariña como punto de encontro de todos os axentes implicados para identificar oportunidades e acordar os pasos a dar. Tamén se buscou sinerxías con outras comunidades, a través do Clúster da eólica offshore, xunto con Cantabria e Asturias, para desenvolver unha estratexia compartida que posicione o norte de España como un referente internacional neste eido.

Conde apelou ao diálogo e a que o Executivo central conte coas Comunidades Autónomas, sinalando que aínda está pendente a aprobación da normativa que regule o desenvolvemento dos parques de eólica mariña, así como as poxas para adxudicar a lámina de auga. Neste sentido, Galicia xa propuxo que, para evitar afeccións ao territorio, se adopte un modelo centralizado no que os promotores compartan as infraestruturas de evacuación.

  • O Igape incrementa o seu orzamento ata os 278 M€ na procura de impulsar un novo modelo de relacionarse coas empresas e mellorar a súa competitividade
    Ler máis
  • Lorenzana anuncia a creación dunha área específica de innovación dotada con mais de 60 M€ para fortalecer o tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta reforza o seu compromiso co emprendemento innovador como “chave do futuro económico de Galicia”
    Ler máis