- O presidente da Xunta mantivo unha reunión coa Sociedade Impulsa Galicia e a empresa Ingenostrum.
- Anuncia o acordo entre a Sociedade Impulsa Galicia e a compañía Ingenostrum para analizar esta iniciativa que busca o liderado da Comunidade na dixitalización.
-
Subliña que o proxecto encaixa nos obxectivos do Plan Nacional de Recuperación, polo que agarda o compromiso do Goberno central para dotalo de financiamento europeo.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salienta que o proxecto do gran centro de datos de Galicia avanza na súa materialización coa selección do seu socio industrial. O titular do Goberno galego participou hoxe nunha reunión coa Sociedade Impulsa Galicia e a compañía Ingenostrum para explorar vías para a posta en marcha desta iniciativa que busca o liderado de Galicia na súa dixitalización.
Como xa avanzara o presidente do Executivo galego, Galicia quere impulsar un gran centro de datos con participación pública a través da Sociedade Impulsa que daría servizo a grandes empresas, pemes e institucións públicas. No encontro de hoxe, no que Alfonso Rueda participou acompañado do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, sentáronse as bases para avanzar na viabilidade desta iniciativa estratéxica para a dixitalización do tecido empresarial galego.
A Sociedade Impulsa Galicia traballa para ofrecer unha solución de primeiro nivel que garanta o almacenamento de datos cada vez máis inxentes e que precisan dunha xestión eficiente para garantir o seu almacenamento e unha conectividade de alta velocidade poñendo a disposición das empresas servizos aos que lles resultaría difícil optar no mercado. O obxectivo é dotar ao tecido empresarial galego dunha ferramenta con capacidade suficiente para procesar toda a súa información, con niveis de seguridade elevados. O investimento estimado sería de 400 millóns de euros e permitiría crear un centenar de postos de traballo entre directos e indirectos.
O titular do Goberno galego indicou que o acordo coa compañía Ingenostrum supón un paso máis na materialización deste proxecto e, polo tanto, un avance para dotar a Galicia de soberanía no control da súa información. “Queremos contar en Galicia cun dos centros de datos máis grandes e máis importantes da Península Ibérica que ademais daría servizo case ao cen por cen das empresas galegas”, indicou.
Financiamento a través dos fondos europeos
Con todo, Alfonso Rueda recordou que para que proxectos como este sexan unha realidade é necesario que o Goberno central dea unha viraxe de 180 grados na xestión dos fondos europeos. Tendo en conta que se trata dunha iniciativa que encadra nos obxectivos do Plan Nacional de Recuperación, faise preciso axilidade, certezas e xustiza no seu reparto.
Impulsa Galicia suma con este catro proxectos maduros que avanzan cara á transformación da sociedade e do seu tecido económico. Ademais do gran centro de datos, a Sociedade está a desenvolver outras iniciativas pioneiras como a fábrica de fibras téxtiles, a produción de biogás e o centro de xeración de hidróxeno renovable.