A Xunta ve no talento que participa en Galicia Avanza a oportunidade para seguir afianzando o mellor ciclo exportador

Mércores, 15 Febreiro 2023 18:48
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en San Cibrao das Viñas na xornada de presentación dos resultados do programa Galicia Avanza.
  • A iniciativa, con sede na Tecnópole, naceu para que noutros países se vexa a Marca Galicia e o que se está facendo no eido da I+D+i e a tecnoloxía.
  • O prazo para participar na segunda convocatoria estará aberto ata o 28 de febreiro.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en San Cibrao das Viñas na xornada de presentación dos resultados do programa Galicia Avanza, onde destacou que o talento que participa nesta iniciativa é unha oportunidade para seguir afianzando o mellor ciclo exportador da Comunidade

Tal e como explicou, Galicia Avanza -con sede na Tecnópole- naceu para que noutros países se vexa a Marca Galicia e o que se está facendo aquí no eido da I+D+i e a tecnoloxía.

Nesta primeira edición participaron 30 empresas -vinculadas sobre todo a sectores como o tecnolóxico, o biotech, así como servizos, sanitario e automoción- que tiveron como mercado de destino a Unión Europea (47%), Latinoamérica (23%), Asia (13%), Estados Unidos (12%) e Gran Bretaña (5%).

Conde destacou que o traballo desenvolvido por estas empresas é unha proba de como desde Galicia se está dando resposta aos retos do século XXI: a dixitalización, a economía verde e o coidado da saúde e benestar.

O vicepresidente económico lembrou que segue aberto o prazo -ata o 28 de febreiro- para todos aqueles proxectos que queiran participar na segunda edición e acceder a itinerarios, formación e asesoramento co que as empresas poidan aumentar o seu peso no mercado internacional, acceder a novos segmentos de clientes e atraer financiamento externo para amplificar a súa marca e proxectos de innovación.

Conde rematou poñendo en valor o labor da Tecnópole e a oferta de servizos que pon a disposición do tecido empresarial, incidindo en que proximamente incorporará tamén o Centro de excelencia en ciberseguridade de Galicia ou a primeira comunidade enerxética nun polígono empresarial.

  • A Xunta resalta o papel da loxística na competitividade e na "globalización económica" da industria galega
    Ler máis
  • Lorenzana destaca o papel de CEAPI na internacionalización do tecido empresarial galego
    Ler máis
  • A Xunta destaca a importancia do talento e da formación para manter a competitividade do tecido empresarial galego
    Ler máis