Galicia promove procesos produtivos e consumos máis eficientes entre pemes e autónomos a través do programa de economía circular

Luns, 13 Febreiro 2023 12:09
  • Ata o 28 de febreiro poden presentarse solicitudes á convocatoria de axudas da Xunta por 1,5 millóns de euros para favorecer a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.
  • Os apoios alcanzan o 35 % dos investimentos para as pequenas empresas e o 25 % para as medianas, cun límite máximo subvencionable de 200.000 euros nos proxectos colectivos e de 75.000 euros en iniciativas individuais.
  • Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 50 % do importe das axudas, centradas na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais; de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos; ou na adquisición de maquinaria para reemprego ou reciclaxe de refugallos.
  • Ao abeiro da nova Lei de implantación empresarial, outorgaráselles unha puntuación superior aos proxectos que se desenvolvan en Concellos Emprendedores.

A Xunta de Galicia activou unha nova convocatoria da liña de axudas para promover a economía circular entre o tecido produtivo galego, na procura de mellorar a competitividade das pemes e do colectivo autónomo impulsando novos procesos e un consumo máis eficiente.

O programa, que conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros, está impulsado pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Céntrase na implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular, prevéndose que se poidan apoiar arredor de medio cento de proxectos, tanto individuais como colectivos. O obxectivo é promover novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.

En réxime de concorrencia competitiva, os apoios, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 28 de febreiro ás 14 horas, cobren o 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e o 25 % para as medianas, cun límite máximo subvencionable de 200.000 euros nos proxectos colectivos e de 75.000 euros nos individuais.

Os beneficiarios poden solicitar anticipos de ata o 50 % do importe dos apoios, centrados, entre outros, na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais; de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos; ou na adquisición de nova maquinaria para reemprego ou reciclaxe de residuos.

Entre os criterios de valoración, cómpre destacar a maior puntuación daqueles proxectos que se leven a cabo en localidades que teñan sido declaradas como Concellos Emprendedores.

Os proxectos propostos deben cumprir distintos obxectivos, entre os que destacan a redución do consumo de recursos no proceso produtivo, a facilidade para o seu reemprego ou reciclaxe, a creación de cadeas de valor máis curtas, ou a implementación de novas oportunidades de negocio que persigan a reparación dos produtos.

Deste xeito, o Goberno galego dá un paso máis na Estratexia Galega de Economía Circular, que establece como principios básicos para a transición cara a este modelo económico a redución, reemprego e reciclaxe e as estratexias de deseño sostible. Así, a través deste programa achéganse axudas directas para facilitar os investimentos das pemes e autónomos de cara á posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento da economía circular, o que se traducirá nun aforro de recursos e enerxía e favorecerá o reemprego dos refugallos.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis