A Xunta creará un consello empresarial para coordinar actuacións no sector aeroespacial a través da colaboración público-privada

Martes, 14 Febreiro 2023 16:10
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na inauguración da xornada monográfica do Polo Aeroespacial de Galicia organizada xunto co Consorcio Aeronáutico Galego no Centro de Investigación Aeroportada (CIAR) de Rozas.
  • Confía en que o sector privado galego sexa capaz, a través do Polo Aeroespacial, de incrementar a súa participación en convocatorias de I+D nacionais e internacionais, en programas aeroespaciais e na venda da súa tecnoloxía a outros mercados.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na inauguración da xornada monográfica do Polo Aeroespacial de Galicia organizada xunto co Consorcio Aeronáutico Galego no Centro de Investigación Aeroportada (CIAR) de Rozas. Na súa intervención, Conde apuntou que o sector privado galego debe liderar os vehículos e sistemas non tripulados en España e fóra dela, aproveitando o apoio da Administración Autonómica para transformalo en contratos, en investimentos en innovación e industriais e en emprego.

Neste sentido, Conde adiantou que o Goberno galego creará un consello empresarial para coordinar actuacións pola vía da colaboración público-privada. Este consello, que contará con empresas galegas, reunirase periodicamente e revisará os avances, axudando á toma de decisións.

O responsable de Economía, Industria e Innovación subliñou que a Xunta confía en que o tecido empresarial, xunto cos centros tecnolóxicos e de investigación, sexa capaz, a través do Polo Aeroespacial de Galicia, de incrementar a súa participación en convocatorias de I+D nacionais e internacionais, en programas aeroespaciais e na venda da súa tecnoloxía noutros mercados, apuntando que a Administración autonómica traballará man a man coas empresas para lograr estes obxectivos.

Neste eido, o vicepresidente económico lembrou que o investimento público-privado arredor do Polo Aeroespacial ten sido moi superior ao inicialmente esperado, e así, os primeiros cinco anos pecharon cun investimento de máis de 164 millóns de euros, e nos dous anos do novo período de investimentos mobilizouse xa máis do dobre: 333,6 millóns de euros de fondos públicos e privados. O obxectivo é chegar aos 540 millóns de euros de investimento no período 2021-2025 se finalmente se logran fondos europeos procedentes do Perte aeroespacial.

Nestes resultados, Conde resaltou a contribución de instrumentos como a pública innovadora, que permitiu crear as bases para que a industria galega poida traballar directamente coas principais empresas do sector, como Airbus, Boeing e Telespazio, os novos socios industriais en Rozas, e con líderes nacionais como Indra, GMV, Babcock España ou Telefónica.

Tamén informou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación que ao longo de 2023 se porán en marcha dous novos instrumentos. Por un lado, axudas para a compra privada de innovación, que financiará con axudas públicas á I+D a aquelas empresas e centros galegos capaces de asinar acordos con grandes usuarios privados. E por outro lado, potenciarase a cooperación técnica, apoiando aos potenciais clientes das empresas galegas para que poidan abordar o proceso de licitación necesario para contratar tecnoloxías, produtos e servizos.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis