Abre o prazo para participar na segunda edición da aceleradora de internacionalización de pemes Galicia Avanza

Martes, 17 Xaneiro 2023 12:33
  • A Xunta de Galicia e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) danlle continuidade a este programa, do que se beneficiaron xa 30 empresas no 2022.
  • O obxectivo deste programa é que solucións innovadoras de calquera sector acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor prazo posible.
  • As pemes seleccionadas accederán a un programa integral de apoio á internacionalización de oito meses de duración.

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación —a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)— e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) convocan a segunda edición de Galicia Avanza, un programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas no que poderán participar ata 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica. As solicitudes deberán presentarse ata o 28 de febreiro a través da páxina web https://www.tecnopole.es/galiciaavanza/

O obxectivo do programa de aceleración, xestionado e coordinado por Tecnópole, é que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñibles ou moi próximas ao mercado, acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo posible. Aspírase así a que as empresas beneficiarias consigan reforzar a súa consolidación no mercado internacional ademais de abrirse a novos mercados ou acceder a novos segmentos de clientes. Traballarase na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posibles colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes, así como en avanzar na senda da innovación ou incrementar a atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.

Criterios de selección

Á hora de seleccionar as pemes beneficiarias do programa, valorarase o potencial de internacionalización e o grao de innovación dos seus produtos ou servizos, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no mercado exterior. Ademais, como novidade nesta edición incentivarase a participación de empresas que non teñan axudas previas da Axencia Galega de Innovación (Gain) e de Tecnópole e a porcentaxe de mulleres nos seus cadros de persoal.

Itinerarios personalizados para cada empresa

Galicia Avanza ofrece un programa integral de apoio á internacionalización de aceleración entre abril de 2023 e xaneiro de 2024 con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. As empresas participantes tamén poderán acceder a mentorización, asesoramento e capacitación e formación comercial e técnica ao longo do programa.

Durante os primerios dous meses, titores expertos coñecedores do desenvolvemento de negocios e a internacionalización de produtos e servizos prepararán itinerarios personalizados con cada unha das empresas segundo as súas necesidades concretas. Durante os seguintes meses, o programa contratará os provedores de servizos profesionais que cubrirán as necesidades detectadas nos itinerarios, a empresa levará a cabo as actividades definidas no seu plan de acción e farase un seguimento deles. Estes servizos teñen a consideración de subvencións en especie, suxeita a mínimis. De xeito paralelo, os beneficiarios poderán acceder a unha carteira de mentores expertos en diferentes materias e recibirán formación transversal en temáticas relacionadas coas necesidades detectadas nos diagnósticos.

Na primeira edición deste programa, recibíronse 42 solicitudes de participación das que foron seleccionadas 30 de sectores moi diversos como o turismo, o alimentario, a biotecnoloxía, a saúde, a enerxía, o TIC, a automoción ou o aeroespacial.

  • O Igape incrementa o seu orzamento ata os 278 M€ na procura de impulsar un novo modelo de relacionarse coas empresas e mellorar a súa competitividade
    Ler máis
  • Lorenzana anuncia a creación dunha área específica de innovación dotada con mais de 60 M€ para fortalecer o tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta reforza o seu compromiso co emprendemento innovador como “chave do futuro económico de Galicia”
    Ler máis