A Xunta activa unha nova liña de axudas para promover a colaboración empresarial en proxectos que fomenten a dixitalización, a sustentabilidade e unha función loxística máis avanzada

Martes, 10 Xaneiro 2023 16:19
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de obradoiros, que suma 600.000 euros para promover espazos de colaboración co obxectivo de capacitar ás empresas na preparación de proxectos avanzados cara aos principais retos económicos.
  • Os apoios, cuxo prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá, cobren o 100 % dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por proxecto, cun límite máximo de 60.000 euros por entidade beneficiaria.
  • Os obradoiros actuarán como xeradores de proxectos que poderán presentarse ás diferentes axudas nestes eidos, dirixidos especialmente a iniciativas colaborativas, levando á realidade as solucións comúns ideadas.
  • O Goberno galego promoveu ata o de agora 125 obradoiros de dixitalización cun investimento de máis de 2,3 millóns de euros.

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria dos obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada impulsados pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación co obxectivo de crear espazos de colaboración entre as empresas galegas na preparación de proxectos máis avanzados e de maior significación cara aos retos principais da economía.

Estes obradoiros, que acadan a súa quinta convocatoria, configúranse por primeira vez como espazos multidisciplinares de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada, reforzando deste xeito o compromiso da Xunta de Galicia coa transformación dixital e sostible dentro do desenvolvemento integral do tecido produtivo.

Cun orzamento de 600.000 euros, poden ser beneficiarios destes obradoiros os organismos intermedios de carácter empresarial e outros axentes con capacidade de albergar o proceso de concienciación e reflexión conxunta para a xeración de proxectos, como é o caso das asociacións e clústeres empresariais, dos “hubs” de innovación dixital ou dos centros tecnolóxicos.

O obxectivo é que os obradoiros actúen como xeradores de proxectos que, máis tarde, poidan presentarse a convocatorias de axudas. A través deles, as empresas exploran solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na implementación de ferramentas dixitais, na procura de desenvolver e implantar procesos ou produtos máis sustentables ou melloras a prol dunha función loxística mais avanzada, así como oportunidades de hibridación intersectorial.

Os apoios, cuxo prazo de presentación de solicitudes abre mañá e será dun mes, concédense en réxime de concorrencia competitiva e ascenden ao 100 % dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por iniciativa, cun límite total por entidade beneficiaria de 60.000 euros. Deste xeito, prevese que se poidan apoiar arredor de 30 novos obradoiros.

Esta é a quinta convocatoria dun programa que promoveu ata o de agora 125 obradoiros de dixitalización cun investimento de máis de 2,3 millóns de euros, contribuíndo así para impulsar a reactivación do tecido empresarial de Galicia a través da transformación tecnolóxica e o impulso aos procesos de dixitalización.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis