Xunta de Galicia e Fundación CEL amplian a súa colaboración para impulsar a aceleradora BFaero

Venres, 26 Abril 2024 23:08
  • Avanzaron na sinatura dunha addenda ao convenio actual por importe dun millón de euros para atender novas necesidades e poñer en marcha unha análise Sandbox aproveitando as infraestruturas existentes en Rozas
  • A Fundación CEL amosou o seu interese por traballar na creación dun Centro de Servicios de Fabricación Avanzada que permitiría a creación de equipamentos compartidos e de alto valor tecnolóxico para dar unha resposta máis flexible ás necesidades deste ecosistema.

 

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2024

A Xunta de Galicia e a Fundación CEL Iniciativas por Lugo celebraron esta mañá o recoñecemento outorgado a pasada semana á Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, como a mellor aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos. 

No encontro mantido no día de hoxe entre a directora do Igape, Covadonga Toca, e o presidente da Fundación CEL, Luís García Santalla, ambos coincidiron en que este recoñecemento pon en valor o labor desenvolvido por ambas institucións, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

Así mesmo, Toca e García aproveitaron a reunión para abordar as liñas de traballo para os vindeiros meses. Concretamente, Toca avanzou que a Consellería de Economía e Industria asinará unha addenda no marco do convenio de colaboración entre Xunta e a Fundación para impulsar a aceleradora BFAero por importe dun millón de euros para atender novas necesidades, nomeadamente para contribuír ao apoio das probas experimentais;  así como para a posta en marcha dunha análise Sandbox aproveitando os equipamentos existentes en Rozas. Esta iniciativa aproveitaría as sinerxías e complementariedades  destas infraestruturas para crear un entorno controlado onde as empresas poidan probar novas tecnoloxías e solucións nun marco regulatorio flexible.

Pola súa banda, García Santalla trasladou á directora do Igape o interese da entidade que preside por traballar na creación dun Centro de Servizos de Fabricación Avanzada (CFSA) que permitiría a creación dunhas infraestruturas compartidas e de alto valor tecnolóxico para dar unha resposta máis flexible ás necesidades do dito ecosistema.

Cómpre lembrar que as os CSFA ofrecen unha serie de vantaxes como a redución de custos e o aumento da accesibilidade para as empresas; a flexibilidade para responder a necesidades específicas e a personalización de servizos e a adaptación a diferentes proxectos; así como o apoio na procura de novas solucións e produtos tecnolóxicos, entre outros.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis