- A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación convocará cinco liñas de axudas para avanzar na mellora ambiental e laboral, así como para promover a eficiencia enerxética e a certificación das empresas desta industria.
- Os apoios publicaranse nas próximas semanas e tramitaranse por orde de entrada da solicitude.
A Xunta de Galicia mantén o seu compromiso co desenvolvemento dunha minaría sostible e segura e este ano convocará cinco liñas de axudas destinadas á actividade industrial vinculada aos recursos naturais. Reservará un total de 2,4M€ a estes apoios que amplían o seu ámbito de actuacións con respecto á edición anterior.
Así, unha das liñas apoiará os investimentos destinados a mellorar a calidade do ambiente atmosférico das zonas onde se desenvolve a actividade mineira e, en especial, mediante a redución de emisións de po e ruído. A principal novidade é que se estende a investimentos para a protección do medio ambiente na zona da actividade mineira. Outras dúas liñas impulsarán investimentos para mellorar as condicións das persoas traballadoras, en especial na redución da exposición ao po e o ruído: unha dirixirase ao sector mineiro en xeral e inclúe, como novidade, investimentos tamén en redución das vibracións e medidas de seguridade, hixiene industrial e ergonomía; e a outra ao da rocha ornamental. A intensidade da axuda será como máximo do 60% para as pequenas empresas, 50% para medianas e 40% para grandes, cun máximo de 100.000 euros na primeira e segunda liña, e 50.000 para a terceira.
Por último, apoiaranse os procesos de implantación e certificación das normas UNE 22480: 2019 Sistema de Xestión mineira sustentable e UNE 22470: 2019 Sistema de Xestión mineiro, mineirometalúrxica e metalúrxica sustentable, que acreditan a implantación dun sistema de xestión mineira sostible nas empresas deste sector e que permitirá a Galicia avanzar no seu obxectivo de converterse na Comunidade cun maior número de compañías mineiras certificadas neste eido. A axuda máxima será de 3000 euros.