A Xunta apoia a contratación de 15 doutorandos industriais para que desenvolvan a súa tese en empresas e centros tecnolóxicos galegos

Luns, 09 Xaneiro 2023 17:21
  • A Vicepresidencia primeira e consellería de Economía, Industria e Innovación e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades invisten preto de 1,9M€ nesta segunda edición do programa de Doutoramento Industrial.
  • Dos quince doutorandos, 12 serán contratados por empresas e tres por centros tecnolóxicos.
  • Ademais de potenciar a captación de talento e a creación de emprego de calidade, este programa promove a transferencia de coñecemento das universidades ao tecido produtivo e fomenta a realización de proxectos de investigación industrial en empresas.
  • Na primeira edición contratáranse outros 15 doutorandos cun investimento público de 1,85M€.

A Xunta de Galicia vén de resolver a segunda edición do programa de Doutoramento Industrial, unha convocatoria conxunta da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que permite a contratación de 15 doutorandos por parte de empresas e centros tecnolóxicos e de innovación para a realización da súa tese nunha contorna empresarial, dos cales oito son homes e sete mulleres.

Cunha axuda total de 1.864.000 euros, a iniciativa, cuxa resolución se prevé publicar mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG), permitirá a contratación de 15 estudantes de doutoramento do sistema universitario galego para que desenvolvan a súa tese en empresas e centros tecnolóxicos galegos no periodo 2022-2026. En concreto, 12 persoas doutorandas realizarán a súa tese en empresas e tres en centros tecnolóxicos en áreas de coñecemento como as ciencias, as ciencias da saúde, a enxeñaría, a química, a nanotecnoloxía ou a biotecnoloxía.

O persoal investigador contratado debe estar inscrito nun programa de doutoramento dunha universidade galega e ter un director de tese vencellado a este programa. Ademais, o proxecto de investigación no que se sustente a tese de doutoramento deberá orientarse a resolver as necesidades e problemas da empresa ou centro de innovación e tecnoloxía que o acolla, favorecendo así a investigación colaborativa e a transferencia de coñecemento, así como a captación de talento e a incorporación de persoal investigador á contorna empresarial. 

As axudas cobren os custos de contratación e os gastos relacionados co proxecto, tanto na universidade como na empresa, así como apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro.

Este programa enmárcase na aposta da Xunta polo talento e o emprego de calidade no ámbito da I+D+i e trata de posicionar a Galicia como rexión atractiva para o desenvolvemento da carreira investigadora. Entre os obxectivos deste programa atópanse promover a mobilidade, a colaboración e a transferencia de coñecemento, potenciar a formación de mozos e mozas investigadores, posibilitar a súa incorporación ás empresas e centros tecnolóxicos, así como fortalecer a vinculación entre o tecido produtivo e as universidades galegas.

A primeira edición do programa xa permitiu a contratación doutros 15 estudantes de doutoramento. Esta iniciativa súmase ás medidas que o Goberno galego está poñendo en marcha co obxectivo de apoiar o talento e crear emprego de calidade no eido da investigación como Oportunius, Talento Sénior, Principia, Investigo, Ignicia e os programas de apoio ás etapas predoutoral e posdoutoral.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis