A Xunta impulsa máis de 220 plans de internacionalización de pemes galegas en preto de medio centenar de países

Mércores, 04 Xaneiro 2023 12:35
  • O Diario Oficial de Galicia recolle a resolución da última convocatoria do Galicia Exporta Empresas que facilita actuacións como a participación en accións de promoción internacional, a planificación de axendas de contactos e seguimento de clientes no exterior ou a xestión de acordos comerciais internacionais.
  • Destacan entre os destinos dos plans apoiados mercados como Alemaña, Italia, Colombia, Estados Unidos, México, Emiratos Árabes Unidos, Reino Unido ou Xapón.
  • As empresas beneficiarias pertencen a sectores como a alimentación, as TIC, o téxtil, os servizos, a madeira-moble, o naval e a construción.
  • A Administración autonómica segue a reforzar así a colaboración co tecido empresarial galego, que está a acadar rexistros históricos de exportacións, rozando os 25.000M€ exportados nos primeiros dez meses de 2022.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución dunha nova convocatoria do programa Galicia Exporta Empresas, unha das liñas de apoio á presenza exterior das compañías galegas que a Administración autonómica ten en marcha. A través dela promoveranse desta volta máis de 220 plans de internacionalización de pemes galegas en preto de medio centenar de países. 

Os plans apoiados facilitan, entre outras iniciativas, a participación en accións de promoción internacional, campañas en medios no estranxeiro, a planificación de axendas de contactos e seguimento de clientes no exterior ou a xestión de acordos comerciais internacionais. O conxunto dos apoios supón unha mobilización de máis de 5M€ e cobren o 70% dos custos dos plans de internacionalización, cunha achega máxima por solicitude e compañía de ata 91.000 euros.  

Por sectores produtivos, destacan as empresas beneficiarias do ámbito da alimentación, as TIC, o téxtil, os servizos, a madeira-moble, o naval ou a construción. En canto aos principais países de destino elixidos, atópanse Alemaña, Francia, Italia, Colombia, Estados Unidos, México, Emiratos Árabes Unidos, Reino Unido ou Xapón. Así mesmo, os plans de internacionalización permitirán chegar a outros mercados como Islandia, Tailandia, Costa Rica, Libia ou Singapur.  

Na procura de impulsar a internacionalización do tecido produtivo galego, permitindo ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización, a Vicepresidencia primeira, a través do Igape, activou tamén o Galicia Exporta Organismos Intermedios, que busca apoiar iniciativas colectivas coordinadas por agrupacións empresariais, e o Galicia Exporta Dixital, que permite ás empresas apostar por ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización. 

A través do Galicia Exporta Organismos Intermedios promovéronse, na última convocatoria, 185 proxectos correspondentes a misións directas ou visitas a feiras no estranxeiro, a participacións como expositores en feiras internacionais (24,5%) ou a misións inversas desde o estranxeiro de importadores, distribuidores, medios de comunicación e outros prescritores. E, pola súa banda, o Galicia Exporta Dixital aprobou preto de 180 proxectos cun investimento inducido de 7,7M€. 

 

A aposta pola internacionalización

Todos estes programas enmárcanse na Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, a folla de ruta que busca facilitar a saída ao exterior das pemes da Comunidade apostando pola dixitalización e a diversificación de mercados. 

Neste sentido, as vendas ao exterior están a acadar rexistros históricos, rozando xa nos primeiros dez meses de 2022 os 25.000M€ exportados, o que supón un incremento do 20,6% con respecto ao mesmo período de 2021. Deste xeito, e a falta de coñecer os datos dos dous últimos meses de 2022, Galicia superará o récord acadado no total de 2021, cando se exportaron preto de 25.270M€. 

Para seguir contribuíndo a estas cifras, a Xunta destinará este ano máis de 20 millóns de euros a colaborar co tecido empresarial galego para manter o mellor ciclo exportador da súa historia.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis