A automoción, as conservas e o naval destacaron entre os sectores que máis contribuíron ás vendas das empresas galegas no exterior en 2020

Martes, 02 Marzo 2021 12:00

O director do Igape, Fernando Guldrís, informou dos resultados das exportacións durante o ano pasado, que superaron os 20.000M€ por cuarto exercicio consecutivo. Galicia sitúase como a quinta comunidade en volume de vendas, adiantando na clasificación ao País Vasco e acadando o 8% do total a nivel estatal. Subliña que o número de empresas exportadoras se mantivo o pasado ano por riba das 7000. Mentres que no acumulado de 2020 as exportacións galegas se reduciron o 6%, fronte á caída do 10% no conxunto do Estado, durante o mes de decembro incrementáronse un 6,8%. A balanza comercial galega é a segunda mellor de España, cun saldo positivo de preto de 4274M€, case o dobre que no ano anterior, mentres que a estatal presenta un diferenza negativa de -13.422M€. Destacan os importantes incrementos das vendas a destinos como Francia, Dinamarca, Polonia, Turquía, Xapón e Namibia, con subas que van desde os 15 ata os 43 puntos. Lembra que permanecen abertos os prazos de solicitude das axudas da nova convocatoria do Galicia Exporta Dixital, o Cheque Brexit e o programa de apoio á contratación de expertos en comercio exterior, dotados en total con 9M€.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2021.- O director do Igape, Fernando Guldrís, salientou hoxe que as vendas no exterior dos produtos de sectores como a automoción, as conservas e o naval -con subas do 33,3%, 20,5%, e 34,6%, respectivamente- contribuíron de maneira decisiva ao volume global alcanzado polas exportacións galegas en 2020. Segundo Guldrís, que dirixe este instituto dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, ter superado por cuarto ano consecutivo os 20.000 millóns de euros en exportacións confirma a capacidade de resistencia do tecido produtivo galego.

Durante a rolda de prensa en Santiago de Compostela na que informou dos últimos datos publicados sobre o comercio exterior galego, relativos ao pasado ano, o director do Igape manifestou que a recuperación das exportacións galegas se confirma cos resultados do segundo semestre do ano, no que as vendas aumentaron un 4,9% con respecto ao mesmo período de 2019, e cos do mes de decembro, nos que a suba foi do 6,8%. Esta evolución positiva supón un xiro na caída que experimentaron nos primeiros meses da pandemia, que pechou no acumulado de 2020 cun descenso do -6%, catro puntos menos que a nivel estatal, onde a caída acadou o -10%. O volume total das exportacións galegas foi de 20.871,7 millóns de euros.

Guldrís engadiu que o número de empresas galegas que exportaron durante o pasado ano se mantivo por riba das 7000, barreira que se superou por vez primeira en 2018. En concreto, foron 7118. En canto ás exportadoras regulares -as que venderon produtos ao exterior nos últimos catro anos de forma consecutiva-, acadaron as 2519.

O director do Igape fixo fincapé na posición de Galicia no conxunto das exportacións estatais e lembrou que é a quinta comunidade en volume de vendas, por detrás de Cataluña, Madrid, Comunidade Valenciana e Andalucía, subindo un posto con respecto a 2019 e situándose por diante do País Vasco. As vendas galegas no exterior supoñen un 8% do total estatal.

Ademais, incidiu en que a balanza comercial galega é a segunda mellor de España, xa que o seu saldo é de 4274 millóns de euros de superávit. Pola contra, a diferenza entre as exportacións e as importacións no total estatal presentou un resultado negativo de -13.422 millóns de euros.

Sobre as vendas por destinos, Guldrís puxo de relevo as importantes subas das exportacións a Turquía, que se incrementaron un 43% con respecto a 2019; Xapón, cun ascenso do 26%; e Namibia, destino no que as vendas aumentaron un 24,6%. En canto aos países europeos, son salientables os incrementos das exportacións a Francia -20,3%-, Dinamarca -20%- e Polonia -15,7%-.

Programas de apoio á internacionalización das empresas galegas
En canto ás medidas de apoio para impulsar a presenza das empresas galegas no exterior, especialmente das pemes, o director do Igape recordou que están abertos os prazos de solicitudes de varias liñas. É o caso do Galicia Exporta Dixital, que conta con 6 millóns de euros para impulsar as vendas internacionais de pemes, autónomos e comercios a través de ferramentas dixitais innovadoras. Os interesados poden solicitar os apoios ata o 30 de xuño.

Así mesmo, está aberto o prazo de solicitude das axudas para a contratación de expertos en comercio exterior, que facilitarán a incorporación ao mercado laboral de 75 mozos e maiores de 45 anos en situación de desemprego grazas a unha dotación que ascende a dous millóns de euros.

Sobre as axudas implementadas para que as compañías galegas exportadoras e importadoras poidan coñecer e adaptarse aos novos requisitos derivados da saída do Reino Unido da Unión Europea, as empresas interesadas poden solicitar ata o 17 de maio as axudas do Cheque Brexit, que conta cun orzamento dun millón de euros. É unha das cinco medidas incluídas na Oficina Brexit, que tamén contempla unha nova Antena en Londres, a ferramenta de autodiagnóstico xa en funcionamento, o Brexit Igape Responde e diferentes medidas complementarias de información e formación.

  • Aberta a convocatoria da 8ª edición de ViaGalicia ata o 10 de decembro
    Ler máis
  • Lorenzana ofrece a Batea Oncology o apoio da Xunta para avanzar na loita contra o cancro cerebral
    Ler máis
  • A Xunta especializa a 50 mozas e mozos en comercio exterior para impulsar a internacionalización das empresas galegas
    Ler máis