Conde resalta o éxito do Bono Activa Comercio que xa mobilizou máis de 12 M€ en compras nos establecementos de proximidade de Galicia

Venres, 23 Decembro 2022 19:00
  • Anima a utilizar o bono na semana que queda de vixencia facendo as compras de Nadal no comercio local.
  • Na cidade de Pontevedra participan un total de 234 comercios, nos que xa se mobilizaron vendas por preto de 570.000 euros.
  • Avanza que nos orzamentos do vindeiro ano o Goberno galego destinará 24 M€ a medidas para impulsar a innovación e a dixitalización do sector.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, resaltou o éxito do Bono Activa Comercio que xa mobilizou este ano 12 millóns de euros en compras nos establecementos de proximidade de Galicia. Conde, nun percorrido que fixo por comercios adheridos a este programa na cidade de Pontevedra, animou a utilizar o bono na semana que queda de vixencia facendo as compras de Nadal no comercio local.

O responsable de Economía, Industria e Innovación recordou que o comercio local é sempre “unha aposta segura” porque ofrece como “marca da casa” calidade, orixinalidade e un trato máis personalizado e familiar. Por iso, no seu apoio aos establecementos de proximidade, o Goberno galego puxo en marcha o ano pasado o Bono Activa Comercio con descontos de 30 euros para os beneficiarios. E no 2022, coa finalidade de axudar os comerciantes a recuperar a normalidade tras a pandemia sanitaria, a Xunta lanzou unha nova edición que, como recordou Conde, “está a ser todo un éxito”.

A iniciativa tivo unha aceptación sen precedentes cando, nada máis saír a convocatoria no mes de outubro, esgotáronse en tres días os bonos dispoñibles. Desde a súa posta en marcha foron máis de 166.000 os galegos que os descargaron para facer as súas compras nos máis de 6300 comercios adheridos en toda Galicia, de tal maneira que o 60% dos concellos galegos contan con algún establecemento asociado. Na cidade de Pontevedra participan un total de 234 comercios, nos que xa se mobilizaron vendas por preto de 570.000 euros

O Goberno galego continuará na súa política de apoio ao comercio local porque, como indicou Conde, “é o que dá vida ás nosas rúas” e xera riqueza na contorna, e con esa intención, os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano destinarán 24 millóns de euros a medidas para impulsar a innovación e a dixitalización do sector.

No seu percorrido polos comercios da cidade de Pontevedra adheridos ao programa, no que visitou os establecementos Mission Surf Shop, a xoguetería Din & Don, Florentino e a librería Cronopios, o vicepresidente primeiro animou a aproveitar os días de Nadal para facer as compras típicas destas datas e mercar os agasallos nos comercios de proximidade apostando “polo noso” e polo produto diferenciado, de confianza e de calidade. Ademais, apuntou as vantaxes para os clientes que fan uso do bono, con importantes descontos nas súas compras ata finais de ano, cando remata a súa vixencia.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis