- O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou en Ponteareas esta empresa que está a impulsar a robotización da liña de cortes dos seus paneis isotérmicos grazas ao programa de axudas á dixitalización
- Salientou que a liña leva mobilizados desde a súa posta en marcha máis de 40M€ en investimentos para impulsar a transformación dixital e a mellora da competitiva do tecido produtivo galego
- Na provincia de Pontevedra aprobáronse ata o de agora máis de 430 axudas por un importe conxunto de case 11 M€
- Resaltou outras iniciativas que facilitan o interese das pemes polo desenvolvemento estratéxico, priorizando a innovación e a dixitalización, como é o caso do ReAcciona, do que tamén se ten beneficiado Carrocerías Dafer, o que lle permitiu contar co apoio de expertos nestes ámbitos
O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe as instalacións de Carrocerías Dafer, no concello de Ponteareas, empresa que desenvolve e constrúe, de modo íntegro e con tecnoloxía propia, todos os compoñentes das pezas que fabrican, e que está a impulsar, nestes momentos, a robotización da liña de cortes dos seus paneis isotérmicos grazas ao programa de axudas á dixitalización que promove, a través do Igape, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.
“Carrocerías Dafer é unha boa mostra do bo facer das nosas pemes, que apostan pola innovación e a dixitalización como chave da súa mellora competitiva”, salientou Guldrís, quen lembrou que este programa activouse no ano 2018, concedéndose desde entón máis de 20M€ en axudas e mobilizando máis de 40M€ en investimentos para impulsar a transformación dixital de pemes e autónomos. E só na provincia de Pontevedra aprobáronse ata o de agora máis de 430 axudas por un importe conxunto de case 11 M€.
“A dixitalización do tecido produtivo é unha necesidade para a mellora competitiva dos nosas empresas. Un proceso de transformación dixital máis prioritario, se cabe, no contexto económico actual”, resaltou Guldrís, quen explicou que o programa forma parte do Plan de transformación dixital das pequenas e medianas empresas e o comercio, posto en marcha polo Goberno galego para facilitar a reactivación do tecido produtivo no contexto económico derivado da covid-19.
Unha aposta, proseguiu, que este mesmo ano tense materializado noutros programas como o InnovaPeme e o DeseñaPeme, que permiten ao tecido empresarial galego desenvolver iniciativas de innovación en produtos, procesos e servizos.
Neste marco, o director do Igape puxo en valor outros programas que facilitan a aposta das pequenas e medianas empresas polo seu desenvolvemento estratéxico, priorizando a innovación e a dixitalización, como é o caso do ReAcciona, do que tamén se ten beneficiado Carrocerías Dafer, o que lle permitiu contar co apoio de expertos nestes ámbitos.