A Xunta informa ao tecido empresarial da Coruña dos programas e actuacións en marcha para mellorar a súa competitividade

Xoves, 28 Abril 2022 13:28
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participou nunha xornada organizada pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) sobre os fondos europeos Next Generation onde destacou o impulso que suporá a Cidade das TIC para facer da Coruña un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia
  • No encontro explicou os diferentes programas de apoio do organismo que dirixe para este ano, centrados na innovación, o emprendemento, o financiamento e a internacionalización
  • Destaca que o Galicia Exporta Dixital, que vén de pechar o prazo de presentación de solicitudes, permitiu ata o de agora impulsar 112 plans empresariais de internacionalización dixital na provincia por valor de máis de catro millóns de euros
  • Salienta a recente posta en marcha da liña de préstamos avalados para financiar a operativa das pemes afectadas polos incrementos dos prezos de materias primas e subministracións, entre as que se encontran as estacións de servizo

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe nunha xornada organizada xunto á Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) sobre as oportunidades para as empresas nos fondos europeos Next Generation. Na súa intervención, na que destacou o impulso que suporá a Cidade das TIC para facer da Coruña un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia, ofreceu ao tecido empresarial da provincia a colaboración da Xunta a través dun conxunto de programas e liñas que, como salientou, buscan reforzar a competitividade de pemes e autónomos, máis se cabe no momento económico actual marcado polo encarecemento de recursos como a luz, o gas e os combustibles e a falta de subministracións de materias primas, e agravado pola invasión rusa a Ucraína.

“A Cidade das TIC forma parte da candidatura aos fondos europeos Next Generation que Galicia presentará ao Goberno central; un proxecto que aspira a mobilizar 55 millóns de euros convertendo este recinto nun lugar de referencia para o tecido empresarial”, expuxo Guldrís.

Neste marco, o director do Igape lembrou que o centro de fabricación avanzada foi o punto de partida do proxecto. Unha infraestrutura que estará concluída a principios de 2023 e que se configura como un espazo de probas para que as pemes galegas impulsen proxectos vinculados coas novas tecnoloxías da información e da comunicación. O investimento aprobado pola Xunta de Galicia para este centro está por riba dos 4,8 millóns de euros, cun orzamento global de ao redor de 5M€.

Este centro estase a complementar con outras actuacións entre as que destaca a recente aprobación dun laboratorio de intelixencia artificial (Galaxy-Lab) que impulsará a investigación e a experimentación con vehículos aéreos non tripulados en contornas urbanas, permitindo, ao mesmo tempo, ampliar as capacidades do Polo Aeroespacial de Galicia.

Programas en marcha

Neste marco, Guldrís, que sinalou que durante estas datas está a manter encontros similares coas principais confederacións empresariais galegas, expuxo que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten en marcha distintas liñas de actuación para cooperar co tecido empresarial. No ámbito da dixitalización, destacou os obradoiros ou as axudas que, na última convocatoria, teñen permitido impulsar proxectos na provincia por preto de seis millóns de euros.

Así mesmo, continuou o director, o Galicia Exporta Dixital acaba de pechar o prazo de presentación de solicitudes, e permite apoiar a pequenas e medianas empresas no desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital. Un programa que, desde a súa posta en marcha, impulsou xa 112 plans empresariais de internacionalización dixital na provincia de A Coruña por valor de máis de catro millóns de euros.

Este programa, explicou Guldrís, ao igual que o resto de accións comprendidas na Estratexia de Internacionalización, contribuíron ao récord acadado polas vendas ao exterior da Comunidade, que  superaron os 25.000 millóns de euros o pasado exercicio, marcando un novo teito histórico cun incremento do 21,1% con respecto ao 2020.

Unha boa marcha das ventas ao exterior de Galicia na que ten xogado un papel moi importante a provincia da Coruña, que durante o 2021 rozou os 11.500 millóns exportados, o que supón un incremento do 32,3% con respecto ao ano anterior, converténdose así na provincia galega que máis medra no acumulado do ano.

O director do Igape afondou tamén nalgunhas das iniciativas emprendedoras que se están a poñer en marcha, entre as que citou a activación dunha nova edición da rede de espazos de coworking, -con tres sedes na provincia coruñesa: en Ferrolterra, Santiago e na Costa da Morte- que contribuíron xa á creación de 400 novas empresas en contornas rurais; ou as liñas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, que suman máis de 260 proxectos impulsados na provincia.

E no tocante ao financiamento, destacou a recente posta en marcha dunha nova liña de préstamos avalados que ten como obxectivo facilitar liquidez a todas as empresas galegas —entre elas, as estacións de servizo— para afrontar os incrementos dos prezos de materias primas e subministracións.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis