A Xunta destaca a importancia do talento e da formación para manter a competitividade do tecido empresarial galego

Mércores, 18 Setembro 2024 14:24
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugura a xornada ‘Galicia con sinerxía: biotecnoloxía, deporte, TIC’, onde destaca a importancia das “persoas, clave e fundamento de todo”, e o papel que xogan talento e formación como “activos máis valiosos” dunha organización
  • O encontro celébrase no marco do programa Capacita Directivos, unha iniciativa que permitiu ata o de agora realizar máis de 90 actividades formativas nas que participaron máis de 19.000 asistentes, en presencial e en liña
  • Salienta as posibilidades que ofrecen este tipo de xornadas para “transformar as cadeas de valor a través de interacción, colaboración e complementariedade de sectores estratéxicos da nosa terra”

 

Pontevedra, 18 de setembro de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá en Pontevedra na xornada ‘Galicia con sinerxía: biotecnoloxía, deporte, TIC’, onde destacou a importancia do talento e da formación como “activos máis valiosos” das empresas galegas de cara a incrementar e manter a súa competitividade.

“As persoas son a clave e o fundamento de todo”, afondou Toca Carús, quen destacou a necesidades de investir no desenvolvemento de equipos humanos e directivos, “dotándoos das ferramentas e coñecementos necesarios para afrontar os desafíos do presente e do futuro”.

Entre estes instrumentos, a directora do Igape puxo en valor o programa Capacita Directivos, no marco do cal se desenvolveu a xornada deste mércores. Unha iniciativa que, como lembrou, inclúe a organización de encontros como o de hoxe que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento.

O programa ten permitido ata o de agora realizar máis de 90  actividades formativas nas que participaron arredor de 19.000 asistentes, xa fose en presencial ou en liña, co obxectivo de dotar aos empresarios e directivos das ferramentas necesarias para enfrontar os retos actuais do mercado global e asegurar o crecemento sostible das empresas galegas, promovendo a profesionalización da xestión empresarial e o desenvolvemento de proxectos innovadores que permitan ás empresas galegas competir tanto a nivel nacional como internacional.

Na xornada de hoxe, os participantes puideron afondar nos sectores biotecnolóxico, do deporte e as TIC, na procura, como explicou Toca Carús, de “transformar as cadeas de valor a través de interacción, colaboración e complementariedade de sectores estratéxicos da nosa terra”.

“A converxencia entre TIC, biotecnoloxía e industria do deporte ofrece numerosas oportunidades de negocio que van desde o desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas ata a creación de servizos personalizados e solucións innovadoras, oportunidades que xorden da integración de avances tecnolóxicos e biolóxicos para mellorar o rendemento, a saúde e a experiencia no deporte”, concluíu Toca Carús.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis