- O servizo atendeu 13.731 consultas de empresas, persoas autónomas ou emprendedoras nos seus primeiros oito meses en funcionamento, das que máis do 80 % foron resoltas no momento
- O equipo formado por máis de 100 profesionais de diferentes sectores tamén prestou asesoramento a 204 proxectos de especial relevancia para o territorio galego e mantivo 583 reunións presenciais
- Neste ano 2025, a Xunta abrirá unha nova sede da Oficina Económica de Galicia na Casa de Galicia en Madrid para reforzar a dinamización empresarial e a captación de investimentos
Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2025
A nova Oficina Económica de Galicia, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, xa funciona a pleno rendemento recibindo unha media de máis de 1.700 consultas ao mes. Desde a súa posta en marcha no mes de abril, o servizo vén asesorando, apoiando e acompañando a empresas, persoas autónomas ou emprendedoras para que implanten e desenvolvan os seus proxectos empresariais en Galicia.
A área dependente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dirixida por Natalia Barros e formada por máis de 100 profesionais de diferentes sectores, funciona como unha canle única entre empresas e Administración que ofrece información e atención individualizada, personalizada e especializada. Tan só nos seus oito primeiros meses de actividade, a Oficina xa recibiu un total de 13.731 consultas, das que o 82 % foron resoltas no momento, e prestou asesoramento a 204 proxectos de especial relevancia para o territorio galego.
Durante o mes de decembro, o servizo continuou a súa actividade crecente: aumentou nun 11,61 % o número de consultas atendidas e elevou ata 583 as reunións presenciais. Con este labor de asesoramento e apoio, a Oficina Económica de Galicia facilita a xestión dos proxectos empresariais para que as tramitacións sexan máis rápidas e, en definitiva, máis sinxelas.
Por sectores, as principais consultas proveñen de ámbitos coma o enerxético, a automoción, a economía circular, o sector mar-industria, o turismo, as TIC, a loxística, o contract ou a construción. Ademais, a Oficina realiza labores de coordinación con outros axentes e entidades externas, tanto de forma directa como a través de ICEX/Invest in Spain, á hora de detectar obstáculos administrativos e identificar novas oportunidades de investimento.
Estas medidas, entre outras, enmárcanse no proceso de desburocratización que impulsa a Xunta para continuar simplificando os trámites ao tecido produtivo e ofrecendo unha resposta áxil, rápida e útil. E, deste xeito, posicionar Galicia como un polo de atracción empresarial na Península e nunha Comunidade atractiva tanto para as empresas que xa están instaladas no territorio como para os novos investimentos.
Tras a apertura en setembro dunha sede física da Oficina Económica de Galicia en Santiago de Compostela, o servizo ofrece múltiples vías para facilitar a mellor atención posible adaptada a cada caso. Por iso, empresas, autónomos ou emprendedores poden recibir atención tanto de forma presencial no Complexo administrativo de San Lázaro, sede do Igape, en Santiago de Compostela, como por vía telefónica no número 900 815 151 e online a través de oficinaeconomicagalicia.xunta.gal.
Neste ano 2025, a Xunta abrirá unha nova sede da Oficina Económica de Galicia na Casa de Galicia en Madrid. Segundo explicou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o Goberno galego dá un paso máis abrindo a primeira oficina fóra de Galicia para reforzar a dinamización empresarial e a captación de investimentos e, así, continuar simplificando o camiño ás empresas que queiran implantarse na Comunidade.