A Xunta salienta a importancia da cultura da innovación como unha “oportunidade para liderar mercados e xerar valor engadido”

Venres, 13 Decembro 2024 17:15
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na inauguración da Xornada da Industria, no marco da X Edición da Maker Faire Galicia, onde pon en valor a nova área de innovación do Instituto para modernizar e desenvolver tecnolóxicamente ás pemes galegas e impulsar a transferencia de tecnoloxía entre centros de investigación e empresas
  • Destaca o Biopolo da Sionlla, espazo no que se celebrou o acto, como “manifestación do compromiso de Galicia coa creación de ecosistemas que fomenten a innovación e o desenvolvemento empresarial”
  • Felicita á Maker Faire Galicia no décimo aniversario por converterse nun “referente internacional da creatividade e da tecnoloxía, posicionando a nosa comunidade como un faro de innovación no ámbito global”

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou esta mañá durante a inauguración da Xornada da Industria, celebrada no marco da X Edición da Maker Faire Galicia, o papel esencial da innovación como ferramenta para impulsar a competitividade das empresas galegas e xerar valor engadido no tecido produtivo. O evento tivo lugar no Biopolo da Sionlla.

Durante a súa intervención, Toca Carús subliñou o traballo realizado desde o Igape coa creación da nova área de innovación empresarial, que busca “modernizar e desenvolver tecnolóxicamente ás pemes galegas, promover a creación de empresas innovadoras en sectores estratéxicos e impulsar a transferencia de tecnoloxía entre centros de investigación e empresas”. 

Neste marco, a directora do Igape animou ás empresas galegas a asumir a innovación como un enfoque estratéxico para o seu crecemento. “A innovación non é só unha ferramenta; é unha mentalidade que impregna toda a estrutura dunha organización”, explicou, antes de sinalar que a Xunta de Galicia seguirá apostando pola cultura da innovación, promovendo iniciativas que permitan ás empresas incorporar tecnoloxías avanzadas, dixitalizar procesos e mellorar a súa competitividade.

Así mesmo, Toca Carús aproveitou a ocasión para felicitar ao equipo organizador da Maker Faire Galicia polo seu décimo aniversario. “Grazas ao seu esforzo, a Maker Faire Galicia converteuse nun referente internacional da creatividade e da tecnoloxía, posicionando a nosa comunidade como un faro de innovación no ámbito global”, afirmou. 

O papel do Biopolo da Sionlla como motor de transformación

A Xornada da Industria celebrouse no Biopolo da Sionlla, un espazo clave para o desenvolvemento da biotecnoloxía en Galicia. Segundo a directora do Igape, “o Biopolo da Sionlla é moito máis ca un espazo físico; é unha manifestación do compromiso de Galicia coa creación de ecosistemas que fomenten a innovación e o desenvolvemento empresarial”. 

Nesta xornada participaron representantes de empresas punteiras, centros de investigación e emprendedores que están a liderar o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas avanzadas. O espazo, segundo Toca, simboliza o compromiso de Galicia coa creación de ecosistemas innovadores capaces de atraer e reter talento, industrializar sectores emerxentes como a biotecnoloxía e potenciar a sustentabilidade como eixo central do crecemento económico.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis