A Xunta aposta pola transformación da automoción galega promovendo unha cadea de valor dixital, verde e resiliente

Xoves, 23 Xuño 2022 13:27
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participou en Vigo na xornada Mobilidade avanzada e sostible. O reto do futuro, onde subliñou o “claro compromiso” do Goberno galego cunha “mobilidade aérea, terrestre e marítima, avanzada e sostible”
  • O encontro celebrouse no marco do programa Capacita Directivos, unha iniciativa que permitiu, nas cinco primeiras edicións, realizar máis de 70 actividades formativas nas que participaron máis de 15.000 asistentes
  • Destacou a oportunidade que ofrecen os fondos europeos Next Generation para dar resposta aos desafíos da nova mobilidade, marcada pola loita contra o cambio climático e a transformación dixital

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá na inauguración da xornada Mobilidade avanzada e sostible. O reto do futuro, no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, onde defendeu a transformación da automoción galega a través dunha cadea de valor dixital, verde e resiliente.

“Galicia é líder na industria da mobilidade, coa automoción á cabeza. En 2021, a industria galega fabricou o 23,6% dos vehículos producidos en España”, subliñou o director do Igape, quen avogou por traballar nunha “mobilidade aérea, terrestre e marítima, avanzada e sostible”.

Neste sentido, Guldrís expuxo a importancia de avanzar cara a unha mobilidade con máis infraestruturas; na que se impulsen os vehículos non contaminantes; máis intelixente, cunha modernización da xestión do transporte público; máis eficiente e segura; e máis competitiva, capaz de “aproveitar ao máximo” o potencial dos portos e as plataformas loxísticas.

“Desde a colaboración público-privada, e poñendo o foco nas pequenas e medianas empresas, temos moi claro que, apoiados nestes fondos, o noso traballo debe ser acompañar aos sectores maduros e tradicionais para evolucionar cara a esa economía máis dixital, verde e innovadora”, salientou Guldrís nun encontro celebrado no marco do programa Capacita Directivos. 

Esta iniciativa, lembrou o director do Igape, inclúe a organización de encontros como o de hoxe que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento. O programa, xa consolidado, permitiu nas cinco primeiras edicións realizar máis de 70 actividades formativas nas que participaron máis de 15.000 asistentes, en presencial e en liña.

Desta volta, os participantes afondaron nas posibilidades que ofrece á industria unha mobilidade avanzada e sostible. Un marco no que o director do Igape destacou tamén a oportunidade que ofrecen os fondos europeos Next Generation para dar resposta aos desafíos desa nova mobilidade, marcada pola loita contra o cambio climático e pola transformación dixital.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis