Lorenzana avoga por seguir impulsando a internacionalización da economía galega, tanto en exportacións como en captación de investimentos

Martes, 10 Decembro 2024 13:59
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, clausurou hoxe un encontro de despedida dos bolseiros que participan no programa de internacionalización do Igape
  • En total son 47 os beneficiarios na última convocatoria deste programa, que conta cun investimento de 3M€
  • Os participantes van ter a posibilidade de especializarse en comercio exterior con estadías de ata 22 meses nas antenas do Igape e as sedes do ICEX no estranxeiro, e tamén nos clústeres, centros tecnolóxicos e cámaras de comercio de Galicia
  • “A internacionalización témola que ver nunha dobre vía: esa vía de saír ao exterior pero tamén, sen lugar a dúbidas, pensando que nese mercado global Galicia está competindo e, polo tanto, temos que ser quen de atraer produtos, empresas, investimentos do estranxeiro cara á comunidade”, di Lorenzana

 

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou a vontade da Xunta de seguir impulsando a internacionalización da economía, tanto para aumentar a presenza de empresas galegas no mercado exterior como para incentivar a captación de investimentos cara a Galicia.

Lorenzana interveu hoxe nun encontro de despedida aos mozos e mozas que participan no programa de bolsas de internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), ao que nesta convocatoria se lle asignou a contía máis alta de orzamento, 3 M€, con 91 solicitudes e un total de 47 beneficiarios.

Esa iniciativa ofrécelles a posibilidade de especializarse en comercio exterior con estadías de ata 22 meses nas antenas do Instituto Económico de Galicia (Igape) e as sedes do ICEX no estranxeiro, e tamén nos clústeres, centros tecnolóxicos e cámaras de comercio de Galicia.

Concretamente, 18 dos 47 bolseiros desta edición irán a Aclunaga, Anfaco, Asime, Bioga, CITIC (Centro de Investigación en TIC), Clúster Audiovisual Galego (CLAG), Clusaga, Cluster da Loxística, Clúster TIC, Clúster de Turismo, Clúster Saúde de Galicia, Gradiant, e ás Cámaras de Comercio de Santiago, Vigo e A Coruña.

Outros 29, irán ao estranxeiro: sete, ás antenas do Igape en México (2 persoas), Miami, Dubai, Tokio e Casablanca (2 persoas); un á Cámara de Comercio de España en Santiago de Chile; e 21 ás oficinas do ICEX en todo o mundo que supoñen un récord de presenza de bolseiros Igape na Rede de Oficinas Económicas e Comerciais no Exterior do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa, “o cal fala moi ben do recoñecemento que ten este programa despois de 30 anos de convocatorias”, dixo a conselleira.

“A internacionalización témola que ver nunha dobre vía: esa vía de saír ao exterior pero tamén, sen lugar a dúbidas, pensando que nese mercado global Galicia está competindo e, polo tanto, temos que ser quen de atraer produtos, empresas, investimentos do estranxeiro cara á comunidade”, remarcou.

A conselleira asegurou que ese é un dos obxectivos nos que está traballando o Goberno galego, conscientes, dixo de que “o que precisa unha empresa cando vén investir a un territorio é un Goberno que facilite esa instalación”. Avogou, así, por avanzar na desregulación, na desburocratización e en facilitar ao máximo a actividade do tecido empresarial. Nesta liña, destacou o esforzo da Xunta por ofrecer solo  industrial gratuíto e de forma rápida e tamén por avanzar na autonomía estratéxica vinculando todo o desenvolvemento enerxético da Comunidade co da industria.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis