Lorenzana avoga pola colaboración público-privada e o diálogo permanente co tecido empresarial para dar valor engadido nun mercado global

Martes, 03 Decembro 2024 17:39
  • Explica que a política económica e industria da Xunta se basea na desburocratización, na aceleración industrial, e no aproveitamento dos recursos naturais propios para abaratar a enerxía
  • Subliña que o informe vai na liña do traballo que está a desenvolver a Xunta e chama a atención sobre necesidade de atraer investimentos, o crecemento da economía verde e circular e o impulso da tecnoloxía e a innovación
  • Subliña que o informe vai na liña do traballo que está a desenvolver a Xunta e chama a atención sobre necesidade de atraer investimentos, o crecemento da economía verde e circular e o impulso da tecnoloxía e a innovación

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe pola importancia da colaboración público-privada e o diálogo permanente co tecido empresarial “neste momento de extraordinarios desafíos e oportunidades e para ser capaces de dar valor engadido nun mercado que é global”.

Lorenzana participou na presentación do Informe de Conxuntura Económica 2023 da provincia da Coruña, onde destacou que o Goberno galego “cre firmemente que temos que traballar coa empresa, e se congratulou de “ver que no que estamos traballando na Xunta de Galicia coincide substancialmente coas cuestións que están analizadas neste informe”, subliñou.

Durante a súa intervención, a conselleira explicou os tres piares fundamentais nas que se basea a política económica e industrial que se está a desenvolver en Galicia baseada en “desburocratizar e non estorbar á empresa”, a aceleración industrial para facilitar solo empresarial, e o aproveitamento dos nosos recursos naturais para abaratar a enerxía e avanzar na autosuficiencia e autoprovisión dos territorios”, apuntou.

Así mesmo, puxo en valor que o informe presentado hoxe chama a atención sobre a necesidade de fomentar a atracción de investimentos en enerxías renovables; apostar polo crecemento da economía verde e circular, e impulsar a tecnoloxía e a innovación na industria. 

Máis polo miúdo, a titular de Economía e Industria, explicou que en canto á desburocratización, a Xunta buscar ser unha administración amigable, e neste sentido, destacou a Oficina Económica de Galicia, dependente do Igape, que naceu coa finalidade de que “o empresariado teña unha porta de entrada única na Administración e que desde abril atendeu xa case 12.000 consultas, co cal cremos que era unha necesidade que tiñan os empresarios. 

E de feito, remarcou, que “acabamos de anunciar que imos comezar os traballos para abrir unha sede da oficina en Madrid porque queremos asesorar ás nosas empresas pero tamén atraer investimentos, que as empresas do exterior coñezan as posibilidade do noso territorio”.

Segundo expuxo, esa política de desburocratización leva consigo a aceleración industrial “porque é fundamental para acadar un grao de seguridade no crecemento económico, crecer no desenvolvemento e no emprego industrial”, subliñou. 

Neste sentido, fixo fincapé na necesidade de facilitar solo industrial e na posta en marcha de figuras de aceleración como as Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (Zapes) ou as Zonas Industriais Rurais (ZIR) que teñen o obxectivo de “facilitar rapidamente solo empresarial e as tramitacións para poñer en marcha de xeito inmediato os proxectos”.

Finalmente, María Jesús Lorenzana, apuntou que nesta estratexia do Goberno galego “pensada por e para a empresa”, o Igape contará por primeira vez na historia cunha área de innovación que contará con máis de 60 millóns ligada especialmente á mediana e pequena empresa para que poidan aumentar a súa produtividade e competitividade.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis