A Xunta reforza a súa aposta polo impulso dun ecosistema que fomente o emprendemento innovador e a transferencia de coñecemento

Venres, 29 Novembro 2024 19:00
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, destaca no Demo Day da Business Factory Food (BFFood) a importancia do sector agroalimentario galego, que conta con máis de 2.600 empresas e representa o 7% do PIB da comunidade
  • Sitúa a BFFood como “exemplo de como o apoio institucional pode transformar sectores estratéxicos” e subliña que desde a súa creación a aceleradora impulsou 62 proxectos emprendedores, xerando máis de 200 empregos cualificados e mobilizando máis de 5,6 millóns
  • Resalta que a Xunta mantén no 2025 o seu compromiso co emprendemento, con máis de 7 millóns para fortalecer ás actuais aceleradoras sectoriais (BFFood, BFAuto, BFAero e BFClimaTech) e para a creación de tres novas centradas na saúde e benestar, a industria do deporte e as enerxías renovables

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe no Demo Day da Business Factory Food (BFFood) o firme compromiso da Xunta de Galicia co desenvolvemento dun ecosistema innovador que combine tradición e modernidade. Durante o evento, celebrado no Edificio CINC da Cidade da Cultura, subliñou a relevancia do emprendemento e da transferencia de coñecemento como motores fundamentais na mellora competitiva do tecido produtivo galego.

No marco do acto de clausura das edicións V e VI de BFFood, Toca resaltou que Galicia é un exemplo na aposta pola innovación. “Galicia lidera a innovación en sectores clave como o agroalimentario, adaptándose aos tempos e facendo fronte a retos globais como a sustentabilidade, o cambio climático e a seguridade alimentaria”, afirmou.

Segundo a directora do Igape, o sector agroalimentario galego é estratéxico para a economía, con máis de 2.600 empresas, con máis de 103.000 empregagos e representando o 7 % do PIB da comunidade. Ademais, destacou que Galicia é líder na transformación e comercialización de produtos do mar, con presenza en máis de 140 países. Este éxito, afirmou, reflicte a calidade e o compromiso do sector coa sustentabilidade.

A Business Factory Food foi sinalada por Toca Carús como un exemplo de como o apoio institucional pode transformar sectores estratéxicos. Desde a súa creación, a aceleradora impulsou 62 proxectos emprendedores, xerando máis de 200 empregos cualificados e mobilizando máis de 5,6 millóns de euros en investimentos.

Toca Carús aproveitou a ocasión para anunciar novas medidas da Xunta no ámbito do emprendemento, como o impulso ás actuais aceleradoras sectoriais (BFFood, BFAuto, BFAero e BFClimaTech) e a creación de tres novas centradas na saúde e benestar, a industria do deporte e as enerxías renovables. Con este compromiso, a Xunta destinará máis de 7 millóns de euros en 2025 ao fortalecemento deste ecosistema.

Na súa intervención final, a directora do Igape destacou que “seguiremos traballando para consolidar Galicia como un referente de innovación e emprendemento, apoiando tanto a startups como a grandes empresas”. Rematou agradecendo o esforzo de todas as persoas e entidades involucradas na creación de oportunidades que proxectan Galicia cara ao futuro.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis