Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables

Mércores, 20 Novembro 2024 17:31
  • “Temos que avanzar no autoabastecemento dos nosos territorios, ligar de forma indisoluble o desenvolvemento industrial e enerxético ao abaratamento da enerxía”, defende
  • Pon en valor a estratexia económica do Goberno galego “pensada por e para a empresa” e baseada na desburocratización e na aceleración de proxectos industriais e do acceso ao solo

 

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables. “Temos que avanzar no autoabastecemento dos nosos territorios, ligar de forma indisoluble o desenvolvemento industrial e enerxético ao abaratamento da enerxía”, manifestou.

Lorenzana interveu hoxe no VII Congreso internacional de directivos de APD, A nova empresa global. Claves para competir no mundo actual, onde destacou que, neste contexto, Galicia ten unhas vantaxes inmellorables desde o punto de vista dos recursos naturais, que son un elemento estratéxico para a economía galega, dixo. 

En aplicación da Lei de recursos naturais de Galicia, proseguiu, a Xunta está plantexando  “un ambicioso plan enerxético que prevé un ordenamento novo dos nosos recursos naturais”, de xeito que os novos proxectos eólicos ou hidráulicos destinen á industria e ás empresas galegas, polo menos, o 50% da enerxía producida coa sinatura de contratos de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA) previstos na lexislación española. E tamén un plan eólico e industrial, sinalou, “que está baseado na crenza absoluta de que é compatible o desenvolvemento dos proxectos no territorio da comunidade autónoma sen danar o medio ambiente”.

“Temos que ser quen de gañar competividade neste escenario de descarbonización en que estamos inmersos”, remarcou a conselleira, quen lembrou que isto tamén exixe apostar pola innovación empresarial. Nese sentido, puxo en valor a estratexia económica do Goberno galego “pensada por e para a empresa” e baseada na desburocratización. Ao respecto, mencionou a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, “punto único para calquera consulta que teña unha empresa independentemente do departamento do Goberno que sexa competente”, dixo. 

A nivel industrial, destacou o esforzo por acelerar a dispoñibilidade de solo industrial para as empresas e o seu abaratamento, así como na tramitación dos proxectos industriais. “Unha empresa non pode estar esperando anos para o que o seu proxecto se poida instalar no solo dunha comunidade autónoma”, enfatizou. Para iso, lembrou que a Xunta puxo á disposición do tecido empresarial solo público de maneira gratuíta durante os oito primeiros anos, e reguláronse figuras de ordenamento que permiten crear pequenos polígonos pasando de dez anos, que era a media de desenvolvemento, a unha media de ano e medio.

Lorenzana tamén salientou na súa intervención que Galicia vai camiño de bater un novo récord exportador, á vista dos últimos datos correspondentes ao mes de setembro. As vendas ao exterior -que o pasado ano superaron a barreira dos 30.000 M€- creceron en relación a setembro de 2023 un 10,2% (2.749,9M€), un incremento moi superior ao da media española, que é do 1,9% (31.596,8M€). Con respecto á comparativa anual, as exportacións galegas subiron un 3,7% (22.843,2 M€), mentres que no conxunto do Estado baixan un -0,3% (286.805,8M€).

Na mesma liña, puxo en valor o informe de BBVA Research, que estima unha suba do PIB este ano ata o 2,9%, igual que en España; e que, se se manteñen estas previsións, contempla que en 2025 o PIB per cápita en Galicia superará en 7,3 puntos porcentuais o nivel precrise, o maior incremento entre as comunidades.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis