Lorenzana ofrece a Batea Oncology o apoio da Xunta para avanzar na loita contra o cancro cerebral

Mércores, 13 Novembro 2024 09:15

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro con responsables da empresa galega de biotecnoloxía Batea Oncology, a quen ofreceu todo o apoio da Xunta a través da Oficina Económica de Galicia e a sociedade xestora de entidades de capital risco do Igape, Xesgalicia, para avanzar na loita contra o cancro.

Batea Oncology é unha spin-off biotecnolóxica que investiga e desenvolve novas tecnoloxías para o tratamento de enfermidades oncolóxicas. Concretamente, deseñou un dispositivo pioneiro denominado GlioHook para o tratamento do glioblastoma, que é o tumor cerebral máis común e para o que a penas existen opcións terapéuticas. A empresa vén de iniciar agora un programa de captación de recursos para comezar os estudos clínicos tal e como explicaron os seus responsables na xuntanza.  

Neste contexto, Lorenzana puxo á súa disposición os servizos da Oficina Económica de Galicia en materia de asesoramento para, desde aí, poder facer un seguimento máis personalizado e integral ao proxecto e estudar as posibles vías de financiamento ás que podería optar. Cómpre destacar que, desde a súa posta en marcha, esta oficina leva atendido máis de 10.300 consultas que, na maior parte dos casos se resolven no momento.

A conselleira tamén considerou clave o papel que pode desempeñar neste caso Xesgalicia, entidade dependente do Igape, que leva varios exercicios participando activamente en varios programas de financiamento ao emprendemento e a iniciativas empresariais de recente creación como é o caso de Batea Oncology.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis