A Xunta especializa a 50 mozas e mozos en comercio exterior para impulsar a internacionalización das empresas galegas

Luns, 11 Novembro 2024 14:11
  • O Goberno galego vén de resolver a última convocatoria dun programa que, desta volta, sumou 3 M€ para que 50 estudantes con titulacións universitarias de grao superior poidan formarse en diferentes destinos mundiais mellorando a súa empregabilidade e potenciando a competitividade do tecido produtivo galego
  • Os bolseiros colaboran na promoción exterior das empresas galegas desde mercados, entre outros, como Filipinas, Canadá, Estados Unidos, China, Australia, Corea do Sur ou Emiratos Árabes
  • O programa reforza a capacitación para a internacionalización de capital humano e a promoción e contratación de recursos humanos altamente especializados

 

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2024

A Xunta de Galicia segue a traballar no impulso da internacionalización do tecido produtivo galego como factor clave para a mellora da competitividade das empresas galegas. Neste marco, vén de resolverse a última convocatoria do programa de bolseiros de internacionalización, unha iniciativa que dende a súa posta en marcha xa permitiu a formación de preto de 400 mozas e mozos galegos en mercados internacionais.

Este ano, a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, destinou 3 millóns de euros para que outros 50 titulados universitarios galegos menores de 35 anos poidan acceder a unha formación práctica en comercio exterior, orientada a mellorar as súas capacidades e incrementar a competitividade das pemes galegas.

O programa reforza así a capacitación para a internacionalización de capital humano e a promoción e contratación de recursos humanos altamente especializados, e segue a demostrar a súa eficacia permitindo desta volta aos bolseiros completar a súa formación en destinos estratéxicos no estranxeiro como Bogotá, Casablanca, Chicago, Dubai, Dusseldorf, Johannesburgo, Kuala Lumpur, Lima, México, Miami, Montevideo, Oslo, Ottawa, Roma, Seúl, Singapur, Tokio, Varsovia ou Yakarta.

Deste xeito, a iniciativa contribúe á capacitación profesional de novos titulados na internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os bolseiros achegando os seus coñecementos ao tempo que reforzan a súa formación práctica.

A programación das bolsas abrangue o estudo dos sectores máis importantes dos mercados estranxeiros, a análise das oportunidades e debilidades dos sectores estratéxicos galegos en relación coa súa internacionalización e o estudo das formas de introdución das empresas nos mercados internacionais, contando para a aprendizaxe co apoio de titores tanto nas estadías no estranxeiro como en Galicia.

Este programa facilitou desde a súa posta en marcha a capacitación de 400 novos titulados galegos, que se especializaron en comercio exterior mentres colaboraron coa internacionalización das empresas de Galicia, datos aos que teremos que engadir os 50 novos titulados desta convocatoria que vén de resolvese.

A iniciativa compleméntase con outras accións promovidas pola Xunta, como o programa Foexga, que impulsa plans de misións comerciais en colaboración coas cámaras de comercio galegas; as liñas Galicia Exporta, para a execución de accións de promoción exterior; ou as axudas á contratación de xestores de internacionalización, orientadas a incrementar a presenza de profesionais especializados no sector exterior e a apoiar ás pemes galegas na súa expansión internacional.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis