O Igape incrementa o seu orzamento ata os 278 M€ na procura de impulsar un novo modelo de relacionarse coas empresas e mellorar a súa competitividade

Xoves, 07 Novembro 2024 17:48
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, presenta no Parlamento as contas de 2025, que reflicten un aumento do 20% que permitirá “avanzar cara a unha Galicia máis competitiva, sostible e preparada para os desafíos globais”, reforzando as liñas de apoio á transformación dixital e tecnolóxica, o financiamento empresarial e a atracción de investimentos
  • A Oficina Económica de Galicia incrementa o seu orzamento, reforzándose así unha canle única para investidores e emprendedores que suma xa preto de 10.000 consultas, reducindo a burocracia e axilizando os procesos administrativos
  • Asígnanse máis de 33M€ a programas destinados á competitividade empresarial, entre os que destacan os programas destinados a seguir apostando pola dobre transformación dixital e sostible ou a II edición da liña de Atracción de Empresas
  • Lanzaranse novas liñas de apoio destinadas á xestión da innovación como a de “Tickets Innova 25”, o “Igape Innova” ou a centrada nas tecnoloxías de Intelixencia Artificial (IA) no tecido produtivo
  • Destínanse 152M€ para apoiar o financiamento de empresas, pemes e autónomos, un aumento do 45,4% respecto ao ano anterior para poñer en marcha novos instrumentos financeiros en coordinación con fondos de Xesgalicia, mobilizando o gasto empresarial e impulsando o crecemento económico en Galicia

 

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, presentou hoxe no Parlamento de Galicia os orzamentos do Instituto para 2025, que ascenden a 278M€. Un incremento do 20% respecto ao ano anterior que se traduce en máis recursos para impulsar un novo modelo de relacionarse co tecido empresarial galego, mellorando a competitividade, fortalecendo a súa presenza nos mercados internacionais, facilitando o acceso ao crédito e o impulso de novas iniciativas e potenciando a atracción de investimentos.

Neste marco, a Oficina Económica de Galicia reforza o seu orzamento ata acadar os 6,M€, un 8,8% máis que no 2024, na procura de ofrecerlle ás empresas galegas “unha canle única, clara e definida para o asesoramento e apoio”. Con máis de 10.000 consultas atendidas ata a data, a Oficina configúrase como unha nova forma de relacionarse co tecido produtivo máis áxil, máis próxima e máis sinxela.

Aposta pola competitividade

Para 2025, o Instituto asigna máis de 33M€ a programas destinados a apoiar a competitividade empresarial, entre os que destaca a segunda edición do programa de Atracción de Empresas, con 12M€ para proxectos significativos en xeración de riqueza e emprego. Ademais, destínanse 10M€ a proxectos de menor volume, orientados ás pemes galegas.

O Igape continúa apoiando a dobre transformación dixital e sostible, con case 5M€ destinados a diferentes programas. Entre eles, 3M€ para proxectos de transformación dixital e 1M€ para obradoiros multidisciplinares, e destínase outro millón de euros para programas de impulso á sostibilidade que priorizarán proxectos ASG (Ambientais, Sociais e de Gobernanza).

E como parte do seu compromiso co emprendemento e a innovación, o Igape lanza unha nova edición da liña específica de apoio ás startups galegas, que conta cunha dotación de 1,5M€, co obxectivo de fomentar a creación de novos modelos de negocio e emprego.

Intelixencia Artificial e tecnoloxías avanzadas

“A competitividade conduce á innovación empresarial” proseguiu Toca Carús, resaltando o compromiso do Igape neste campo, materializado nunha nova área de innovación, que ten por obxectivo “promocionar o ecosistema de innovación empresarial de Galicia”.

Neste eido, lanzaranse novas liñas de apoio destinadas á xestión da innovación e ao deseño de produtos innovadores, como o programa “Ticket Innova 25”, que contará cun millón de euros para facilitar o acceso á certificación en innovación, ou a liña “Igape Innova”, con 4M€ para proxectos de investimento en innovación empresarial. Neste marco, o Igape asignará máis de 10M€ á implantación de tecnoloxías de Intelixencia Artificial, e 2,3M€ a un novidoso proxecto para o vindeiro ano, que é a creación de espazos colaborativos de datos.

Así mesmo, o Igape continuará apoiando o ecosistema de emprendemento en Galicia cunha dotación de 7M€ para a súa rede de business factories, que no 2025 expandirase con tres novas aceleradoras enfocadas en Saúde e Benestar, Industria do Deporte e Enerxías Renovables.

Rexistros históricos nas vendas ao exterior

A directora do Igape sinalou o compromiso coa saída ao exterior das empresas galegas que está a permitir acadar rexistros históricos nas vendas ao exterior. Sobre esta base, no 2025 o Igape destina 14M€ á internacionalización, un orzamento que permitirá dar continuidade a programas como o Galicia Exporta Empresas, o Galicia Exporta Organismos Intermedios e o Galicia Exporta Dixital. Ademais, en colaboración coas cámaras de comercio galegas, o Igape tamén renovará o Plan Foexga.

Como parte da estratexia de expansión, o Igape abrirá en 2025 novas antenas en mercados clave de América Latina e Asia, que se suman ás recentes aperturas en Xapón e Emiratos Árabes. Estas oficinas serán unha vía directa de apoio ás empresas galegas en mercados emerxentes, proporcionándolles un acompañamento especializado.

Un incremento do 45% en financiamento

Un amplo abano de liñas e actuacións que compleméntase cunha dotación moi relevante para facilitar o financiamento de pemes e autónomos, 152M€ en 2025, un 45,4% máis respecto ao ano anterior. Un incremento que permitirá poñer en marcha novos instrumentos financeiros en coordinación con fondos de Xesgalicia, co obxectivo de mobilizar o gasto empresarial e impulsar o crecemento económico de Galicia.

Destacan os préstamos directos, cunha partida de 50M€ para proxectos estratéxicos que favorezan a modernización tecnolóxica e teñan un impacto multiplicador na economía galega. Ademais, para as empresas beneficiarias de préstamos financiados por Xesgalicia ou fondos públicos nacionais, activarase unha nova liña de subvención de xuros, cun orzamento de 5M€, que permitirá bonificar ata 200M€ en préstamos, favorecendo así mellores condicións financeiras das empresas galegas.

E o Fondo de Transición Xusta contará con máis de 52M€, dirixidos a financiar proxectos de investimento en A Coruña que xeren emprego e diversifiquen a economía local, con préstamos parcialmente reembolsables que combinan subvencións a fondo perdido e préstamos, destinando 37M€ para grandes empresas e 14 M€ para pemes.

A maiores, o Igape destina 14M€ para continuar cos convenios con entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca (SGR), que permitirán mobilizar 150M€ en financiamento para pemes, facilitando o acceso ao crédito e reforzando a solvencia das pequenas e medianas empresas galegas.

Deste xeito, concluíu Toca Carús, “estas contas están deseñados para fortalecer o tecido produtivo galego, apoiar a transformación dixital e potenciar a nosa presenza no mercado global, convertendo Galicia nun referente industrial e económico”.

  • Aberta a convocatoria da 8ª edición de ViaGalicia ata o 10 de decembro
    Ler máis
  • Lorenzana ofrece a Batea Oncology o apoio da Xunta para avanzar na loita contra o cancro cerebral
    Ler máis
  • A Xunta especializa a 50 mozas e mozos en comercio exterior para impulsar a internacionalización das empresas galegas
    Ler máis