Lorenzana destaca a aposta da Xunta por poñer a empresa e o desenvolvemento enerxético no centro da política económica

Martes, 29 Outubro 2024 16:30
  • Apunta que proba disto é que o Igape ten o orzamento máis alto dos últimos anos    -crece un 20%, ata os 278M€-; e o 50% -152M€, un incremento do 45,4%- vai destinado a instrumentos de financiamento adaptados ás necesidades das empresas
  • Destaca que a Lei de recursos naturais de Galicia busca xerar retornos no territorio con instrumentos como Recursos de Galicia ou a nova comercializadora de enerxía, que favorecerán a democratización dos contratos de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA) para a pequena e mediana empresa

 

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe a aposta da Xunta por poñer a empresa e o desenvolvemento enerxético e industrial de Galicia no centro da súa política económica.

Así o manifestou hoxe durante a súa intervención na inauguración do encontro El Mundo que viene, organizado pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD). “Estamos plantexando unha política económica moi vinculada á atracción de empresas, a aumentar o peso industrial que ten a nosa comunidade, e ligada ao aproveitamento dos nosos recursos naturais e ao desenvolvemento enerxético de Galicia”, dixo.

Lorenzana apuntou que proba disto é que o Instituto Económico de Galicia (Igape) ten o orzamento máis alto dos últimos anos -crece un 20%, ata os 278M€-; e o 50% dese orzamento -152M€, un incremento do 45,4%- engadiu, vai destinado a instrumentos de financiamento adaptados ás necesidades das empresas, con prazos máximos de amortización de ata 12 anos, tipos de xuro ao 0% e importes de ata 5M€. 

Nesta liña, sinalou a vontade de potenciar o papel de Xesgalicia, que está a ter un efecto mobilizador moi importante tanto nas operacións de financiación como de capitalización, con saldos para investimentos de 140M€ para 2025. Tamén puxo de relevo a boa acollida da Oficina Económica de Galicia, que leva atendidas máis de 9.500 consultas desde abril e á que se destinan 6,2M€ no orzamentos. E, en terceiro lugar, apuntou á nova área de innovación do Igape que leva dúas liñas propias para empresas: o programa Igape Innova (4M€) para o desenvolvemento de produtos e servizos; e o Ticket Innova (1M€), para pemes de sectores tradicionais e menos innovadores.

Xunto con isto tamén lembrou a creación na Lei de medidas fiscais e administrativas de novas figuras de ordenación de solo industrial como son as Zapes (Zonas de aceleración de proxectos empresariais e solo), ás que se destinan 2,5M€. “Todo isto co obxectivo de posicionar Galicia como un destino atractivo e diferenciado para o investimento”, subliñou, sabendo que “Galicia ten unha posición privilexiada no contexto actual polos seus recursos naturais. E isto é unha cuestión que é clave en toda a nosa política económica porque temos claro que estamos nun momento en que podemos estar ben posicionados dentro de Europa”, afirmou.

Ao respecto mencionou a Lei de recursos naturais, que busca xerar retornos no territorio e arredor da cal se crearon a sociedade Recursos de Galicia e unha comercializadora de enerxía que favorecerán a democratización dos contratos de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA) para a pequena e mediana empresa.

“Por primeira vez podemos dicir que Galicia está posicionada en todas as cuestións que se nos está dicindo que son clave para que Europa despegue”, asegurou, aludindo ao Informe Draghi. “Temos que loitar por ser especialmente pulcros co medio ambiente, organizar o desenvolvemento industrial e enerxético naquelas zonas onde existan menos afeccións industriais, traballar moito cos sistemas loxísticos e, con esta visión e en colaboración coas restantes administracións, coa Universidade e cos centros tecnolóxicos, cremos que Galicia pode posicionarse nos próximos anos”, enfatizou.

Lorenzana concluíu remarcando a importancia do talento e do traballo a prol do benestar laboral das persoas.

  • Lorenzana ofrece a Batea Oncology o apoio da Xunta para avanzar na loita contra o cancro cerebral
    Ler máis
  • A Xunta especializa a 50 mozas e mozos en comercio exterior para impulsar a internacionalización das empresas galegas
    Ler máis
  • O Igape incrementa o seu orzamento ata os 278 M€ na procura de impulsar un novo modelo de relacionarse coas empresas e mellorar a súa competitividade
    Ler máis