Lorenzana anuncia que xunta e empresas impulsarán o Clúster Contract de Galicia para reforzar o liderado deste sector a nivel global

Martes, 22 Outubro 2024 21:47
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou as instalacións da empresa Aluman en Arteixo no marco da Semana Internacional do Contract que organiza o Igape
  • Explica que este clúster permitirá seguir creando sinerxías entre deseño, industria e tecnoloxía; impulsar a sustentabilidade; e promover a innovación en deseños de espazos e experiencias
  • Subliña que o contract galego destaca pola súa calidade, diferenciación e competitividade

 

Arteixo (A Coruña), 22 de outubro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que Xunta e empresas impulsarán o Clúster Contract de Galicia que reunirá a toda a cadea de valor do sector e reforzará o seu liderado a nivel global.

Lorenzana visitou hoxe as instalacións da empresa Aluman en Arteixo no marco da Semana Internacional do Contract que organiza cada ano o Igape, á que puxo como “exemplo de diversificación e internacionalización”.

Durante a visita, a conselleira explicou que a creación deste clúster permitirá “seguir creando sinerxías entre deseño, industria e tecnoloxía; impulsar a sustentabilidade; e promover a innovación en deseño de espazos e experiencias”.

Neste sentido, a titular de Economía e Industria apuntou que o contract galego, do que forman máis dun cento de empresas, destaca pola súa calidade, diferenciación e competitividade, unhas características “que son froito dun esforzo constante en innovación”, dixo.

Ademais, tamén puxo en valor o seu espírito de cooperación pois “as empresas do sector non traballan soas, colaboran entre si e con nós, coa Administración, a través  dos distintos clústers e centros tecnolóxicos”, subliñou.

Finalmente, María Jesús Lorenzana, explicou que esta aposta pola colaboración público-privada, na que se enmarca a creación do novo clúster do contract, permite o desenvolvemento de importantes proxectos de I+D que manteñen ao sector á vangarda da innovación.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis