A Xunta sitúa o Contract Galego como “sinónimo de calidade e innovación”

Mércores, 23 Outubro 2024 13:16
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na inauguración da XIV Semana Internacional Contract Galicia onde puxo en valor a importancia e o peso dun sector cunha facturación conxunta de máis de 1.000 millóns, que ten presenza en 100 países e cuxas empresas realizaron xa máis de 10.000 proxectos construtivos en 600 cidades de todo o mundo
  • Salienta a importancia da cooperación público-privada, que se materializará no impulso dun Clúster Contract
  • Di que xornadas como esta, que se celebran desde 2011, actúan como punto de encontro para empresas e prescritores internacionais e que nesta edición suman preto dun cento de empresas galegas e máis de 160 reunións individuais xa axendadas

 

Oleiros (A Coruña), 23 de outubro de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na inauguración da XIV Semana Internacional Contract Galicia, un espazo no que destacou a crecente importancia dun sector que actúa hoxe como “sinónimo de calidade e innovación”. 

“O contract galego soubo destacar pola súa calidade, diferenciación e competitividade, características que son froito dun esforzo constante en innovación”, subliñou Toca Carús. Un factor clave que permitiu este desenvolvemento foi o uso de novos materiais sostibles, respondendo así ás esixencias actuais do mercado global que busca cada vez máis solucións que respecten o medio ambiente”. 

Neste marco, a directora do Igape subliñou a relevancia dunha industria cunha facturación conxunta de máis de 1.000 millóns, que ten presenza en 100 países e cuxas empresas realizaron xa máis de 10.000 proxectos construtivos en 600 cidades de todo o mundo. 

Sobre esta base, Toca Carús avogou por seguir avanzando no impulso da cooperación público-privada, que se materializará no impulso do Clúster Contract de Galicia ou na promoción de accións en mercados exteriores clave, especialmente en Latinoamérica, Estados Unidos e Europa, entre as que destacan as misións comerciais a México, Perú, Colombia ou a próxima visita a unha das principais feiras da construción do mundo, Batimat París 2024.

“Pero, precisamente, un piar fundamental da nosa estratexia é esta Semana Internacional Contract Galicia, que este ano celebra a súa XIV edición”, proseguiu a directora, quen lembrou que desde 2011 estas xornadas convertéronse nun punto de encontro para empresas galegas e prescritores internacionais, fomentando o networking e as oportunidades de negocio. 

Proba diso, afondou, é que nesta edición participarán preto de 100 empresas galegas, e téñense axendado xa 164 reunións individuais entre os prescritores invitados e as empresas galegas participantes.

As xornadas, explicou Toca Carús, céntranse este ano no estudo das claves dos principais mercados internacionais, o deseño na hostalería de luxo e as experiencias empresariais en Europa, contando para isto coa presenza de profesionais internacionais de renome provenientes de distintas compañías.

O obxectivo, sinalou a directora do Igape, é ofrecerlles un espazo para a promoción e para establecer futuros proxectos de negocio que lles permitan seguir expandíndose no mercado internacional. “Algo no que Galicia alcanzaba o ano pasado unha cifra récord, superando por primeira vez os 30.000 millóns en exportacións, tendencia que este ano queremos manter”, concluíu. 

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis