Lorenzana lembra que desde este ano as startups contan en Galicia cunha liña de axudas específica para apoiar o seu lanzamento e consolidación

Luns, 14 Outubro 2024 11:36
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a sede da empresa Torusware
  • Apunta que, por primeira vez, poden acceder a apoios que oscilan entre os 10.000 e os 20.000 euros para gastos e investimentos
  • Pon Torusware como exemplo de transferencia de coñecemento entre o sector público de investigación e o tecido produtivo
  • Destaca que os dous fondos de investimento de Xesgalicia para startups suman investimentos por importe de 15M€ en 64 compañías, entre participacións no capital e préstamos

 

A Coruña, 11 de outubro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, lembrou hoxe que, desde este ano e por primeira vez, Galicia conta cunha liña de axudas específica para impulsar o lanzamento e a consolidación de startups, no marco dunha política de apoio ao emprendemento innovador que se vén desenvolvendo desde o Instituto Económico de Galicia (Igape).

Así o apuntou hoxe nunha visita a Torusware, unha spin-off da Facultade de Informática da Universidade da Coruña fundada en 2013 e especializada no deseño de plataformas de datos e software. Unha empresa, dixo, que na súa orixe é un exemplo de transferencia de coñecemento entre o sector público de investigación e o tecido produtivo.

Neste contexto, Lorenzana puxo en valor que, por primeira vez, as startups puideron acceder en Galicia a axudas para gastos ou investimentos que oscilan entre os 10.000 e os 20.000 euros, grazas á liña de apoios aprobada pola Xunta cuxo prazo de presentación de solicitudes finalizou o pasado 30 de setembro.

A conselleira explicou que este programa pioneiro vén motivado polo impulso que o Goberno galego quere dar ás iniciativas empresariais emerxentes de carácter innovador e tecnolóxico que achegan coñecemento ao tecido produtivo.

Polo seu alto potencial de crecemento, tamén apuntou que outra vía de apoio téñena en Xesgalicia, a sociedade xestora de entidades de capital risco do Igape. Concretamente, destacou que conta con dous fondos de investimento para startups: o Galicia Innova Tech, para proxectos de marcado carácter innovador; e Galicia Iniciativas Emprendedoras, para proxectos de emprendemento, especialmente, que afloran na rede de aceleradoras da Xunta de Galicia. A día de hoxe, os dous suman investimentos por importe de 15M€ en 64 compañías, entre participacións no capital e préstamos.

A rede de aceleradoras, que conta co apoio e a colaboración de axentes e empresas tractoras de diferentes sectores, abrangue a industria da automoción (BFAuto), o sector aeroespacial (BFAero), o da alimentación (BFFood) ou a nova aceleradora no ámbito da economía circular e as solucións ambientais (BFClima Tech). Tamén figura VíaGalicia, sobre emprendemento innovador, multisectorial, especialmente no ámbito das TIC, agroalimentario ou téxtil, en colaboración co Consorcio da Zona Franca de Vigo.

Lorenzana tamén quixo sumar a todos estes apoios o servizo que presta a Oficina Económica de Galicia, onde as empresas poden atopar un plan de seguimento personalizado para os seus proxectos; ata o de agora, con máis de 8.000 consultas atendidas.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis