A Xunta lanza unha nova liña de axudas de 10 M€ para apoiar o crecemento das empresas que manteñan e creen novos postos de traballo

Luns, 07 Outubro 2024 17:58
  • Rueda salienta que se trata de achegas que se enmarcan “no Fondo de Transición Xusta” polo que a Xunta vai destinar 100 M€ a modernizar a industria galega
  • Os apoios combinan, nunha mesma operación, subvención con préstamos directos que poderán ser parcialmentes reembolsables, correspondéndose o tramo non reembolsable coa axuda concedida
  • O obxectivo, destacou, é financiar de investimentos para “a creación de novos establecementos, a ampliación da capacidade dos existentes ou melloras para a diversificación da produción”
  • O gasto mínimo subvencionable será de 60.000 euros e os apoios están orientados a financiar proxectos empresariais, o fomento da descarbonización nos sectores tractores de Galicia ou a mellora da eficiencia enerxética dos polígonos industriais

 

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a creación dunha liña de préstamos, a través do Igape, dotada con 10 millóns de euros parcialmente reembolsables, pola que as empresas poderán optar a axudas e préstamos de modo conxunto para o financiamento de iniciativas co fin de potenciar o mantemento e a creación de postos de traballo, a innovación e a posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

Tal e como explicou a medida, en réxime de concorrencia competitiva, inscríbese no marco do” Fondo de Transición Xusta”, polo que o Goberno galego destinará máis de 100 millóns de euros no período 2021-2024 a mellorar os procesos empresariais e a modernizar a industria na provincia da coruña, unha das nove máis afectadas en España polo proceso de descarbonización. “O obxectivo é mitigar os efectos perxudiciais do peche das centrais das Pontes e Meirama”, indicou.

Estes préstamos concédense a través do Igape e Inega e permiten financiar proxectos empresariais, fomentar a descarbonización nos sectores tractores de Galicia, implantar novas industrias, mellorar a eficiencia enerxética dos polígonos industriais ou crear un polo de innovación tecnolóxica en enerxías renovables.

No caso desta nova liña, os préstamos están dirixidos a pequenas e medianas empresas que realicen ou teñan previsto levar a cabo unha iniciativa empresarial cun impacto económico e social positivo nos lugares identificados como zonas de transición xusta, o que, no caso de Galicia, se corresponde coa provincia da Coruña. 

Neste marco,  presidente indicou que o programa permitirá financiar “proxectos que supoñan a creación de novos establecementos, a ampliación da capacidade dos existentes ou melloras para diversificar a produción”. O gasto mínimo subvencionable será de 60.000 euros e as iniciativas deberán manter o emprego e crear, polo menos, un posto de traballo. 

Cómpre salientar que estas axudas combinan, nunha mesma operación, subvención con préstamos directos que poderán ser parcialmente reembolsables, correspondéndose o tramo non reembolsable coa axuda concedida.

Este tramo non reembolsable suporá o 25% do gasto subvencionable para as medianas empresas, e o 35% para as pequenas empresas e microempresas. O tramo reembolsable, pola súa banda, poderá ser reintegrado polo beneficiario nun prazo máximo de 12 anos, con carencia igual ao prazo de execución do proxecto previsto máis un ano. 

Pemes e autónomos

A Consellería de Economía e Industria segue así a facilitar o acceso a préstamos ao tecido empresarial galego, principalmente a pemes e autónomos, ao seren estes os que sofren maiores dificultades para acadar o financiamento adecuado ás súas necesidades. 

Neste sentido, desde o 2020 aprobáronse xa, no marco de distintos convenios coas entidades de crédito e as sociedades de garantía recíproca, preto de 3.500 solicitudes, moitas delas vencelladas ao programa Reaval Covid posto en marcha no contexto da pandemia, e formalizáronse operacións por valor de máis de 227 millóns. 

Así mesmo, o programa de préstamos directos, cuxo obxectivo se vencella tamén á mellora das condicións de acceso ao crédito do tecido produtivo, favorecendo a entrada a instrumentos de débeda, permitiu, desde a súa posta en marcha en 2019, a concesión dun total de 56 operacións por un importe total de préstamos de máis de 63 millóns, que suman un investimento mobilizado de máis de 104 millóns. 

Os préstamos coñecidos hoxe polo Consello impúlsanse no marco do programa do Fondo de Transición Xusta, a través do cal o Goberno galego tamén vén de activar unha nova liña de axudas dotada con máis de 8 M€ para a creación de centros dixitais de xestión remota co obxectivo de contribuír a mellorar a dixitalización dos procesos empresariais, a contorna das empresas ou a modernizar e desenvolver a base industrial. 

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis