Lorenzana destaca que a Xunta destinou máis de 14 M€ á organización de misións para impulsar a internacionalización do tecido empresarial galego

Venres, 04 Outubro 2024 15:23
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou as instalacións da empresa Galfrío en Marín
  • A conselleira puxo en valor o modelo produtivo desenvolto por Galfrío dentro do sector estratéxico mar-industria
  • Destacou os bos resultados da estratexia de internacionalización galega que se reflexan, dixo, no récord de exportacións da Comunidade no 2023 que superou os 30.000M€

 

Marín (Pontevedra), 4 de outubro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a Xunta destinou máis de 14M€ á organización de misións para impulsar a internacionalización do tecido empresarial galego.

Lorenzana visitou as instalacións da empresa Galfrío en Marín onde puxo en valor o traballo realizado por esta compañía e destacou o seu modelo produtivo como exemplo dentro dun sector estratéxico para Galicia como é o do mar-industria.

Ademais, na súa intervención, explicou que esta empresa colabora coa Xunta a través do Plan para o Fomento das Exportacións Galegas (Foexga), orientado a promover a internacionalización das empresas galegas, o crecemento das exportacións e a apertura das pequenas e medianas empresas aos mercados internacionais. Desde o 2014, destináronse máis de 14M€  á organización de misións internacionais cunha participación media por ano dunhas 170 pemes en 70 países.

Estratexia galega de internacionalización

A titular de Economía e Industria destacou ademais que a estratexia de internacionalización de Galicia busca apoiar ao tecido produtivo galego, especialmente as pemes; e fomentar a súa internacionalización dixital apoiándose en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización.

Así, destacou os bos resultados desa estratexia que se reflexan no récord de exportacións da Comunidade no ano 2023 que superou os 30.000M€, “unha tendencia positiva que se mantivo no primeiro trimestre deste ano”, dixo.

Neste marco, aludiu a todas as ferramentas que a Xunta está a poñer a disposición das empresas para apoiar a súa internacionalización como o programa Galicia Exporta Empresas, Organismos Intermedios e Galicia Exporta Dixital; os Programas de xestores de exportacións; o de Bolseiros de internacionalización; as redes de antenas da Xunta no exterior ou os préstamos para a implantación de empresas galegas no exterior.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis