- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución da última convocatoria do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, que beneficiou a preto de 200 empresas que, a través de proxectos coordinados por agrupacións, participarán agora en actividades de difusión e en eventos expositivos en ata 37 países
- O metalmecánico, o naval e o agroalimentario son os sectores con máis demanda dunha liña que contribúe a reforzar ás exportacións galegas, que seguen acadando valores históricos e que, segundo as últimas cifras publicadas, tamén medran máis nestas industrias
- Desde a súa posta en marcha, o Goberno galego ten destinado máis de 10,3M€ a un programa do que se beneficiaron máis de 1.200 empresas e que se complementa co Galicia Exporta Empresas e o Galicia Exporta Dixital
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2024
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da última convocatoria do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, unha liña de apoio que, desta volta, suma preto de 1,6M€ na procura de promover a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos.
Así, a través de proxectos colectivos coordinados por agrupacións empresariais, o Galicia Exporta Organismos Intermedios beneficiou nesta convocatoria a preto de 200 empresas que, agora, impulsarán en 37 países diferentes tanto actividades de difusión como a participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional.
O obxectivo do programa, impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, é apoiar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, especialmente de pemes e establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización.
Neste sentido, cómpre destacar que o metalmecánico, o naval ou o agroalimentario son os sectores que máis demanda tiveron este ano, contribuíndo deste xeito a reforzar ás exportacións galegas, que seguen acadando valores históricos e que, segundo os últimos datos publicados, tamén medran máis nestas industrias.
Así, o balance do 2024 arroxa unha cifra exportadora acumulada de 18.009 millóns, o que supón un crecemento interanual do 3,9% con respecto aos sete primeiros meses do 2023, ano récord ata o de agora nas vendas ao exterior da comunidade ao superarse por primeira vez a barreira dos 30.000 millóns.
Desde a súa posta en marcha, o Goberno galego ten destinado máis de 10,3 millóns a un programa do que se beneficiaron máis de 1.200 empresas e que se complementa co Galicia Exporta Empresas e o Galicia Exporta Organismos Intermedios.
O primeiro promove tamén actividades de difusión, así como a participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional pero, neste caso, de empresas individuais. Posto en marcha no ano 2016, ten permitido ata o de agora apoiar preto de 1.500 plans de promoción internacional, con accións de difusión, e asistencia a feiras ou prospección de novos mercados, o que supuxo unha axuda total ata a data de 30,9M€.
Pola súa banda, o Galicia Exporta Dixital, que busca apoiar ás empresas galegas nos seus procesos de internacionalización dixital conscientes de que o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitividade nos mercados internacionais, ten beneficiado xa a máis de 400 empresas por importe de máis de 14 M€ e un investimento inducido de 17,6 M€.