A Xunta destina 1,6 M€ a fomentar a cooperación de pemes galegas na procura de acadar novos mercados

Xoves, 03 Outubro 2024 14:05
  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución da última convocatoria do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, que beneficiou a preto de 200 empresas que, a través de proxectos coordinados por agrupacións, participarán agora en actividades de difusión e en eventos expositivos en ata 37 países
  • O metalmecánico, o naval e o agroalimentario son os sectores con máis demanda dunha liña que contribúe a reforzar ás exportacións galegas, que seguen acadando valores históricos e que, segundo as últimas cifras publicadas, tamén medran máis nestas industrias
  • Desde a súa posta en marcha, o Goberno galego ten destinado máis de 10,3M€ a un programa do que se beneficiaron máis de 1.200 empresas e que se complementa co Galicia Exporta Empresas e o Galicia Exporta Dixital

 

Santiago de Compostela, de outubro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da última convocatoria do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, unha liña de apoio que, desta volta, suma preto de 1,6M€ na procura de promover a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos.

Así, a través de proxectos colectivos coordinados por agrupacións empresariais, o Galicia Exporta Organismos Intermedios beneficiou nesta convocatoria a preto de 200 empresas que, agora, impulsarán en 37 países diferentes tanto actividades de difusión como a participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional.

O obxectivo do programa, impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, é apoiar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, especialmente de pemes e establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización.

Neste sentido, cómpre destacar que o metalmecánico, o naval ou o agroalimentario son os sectores que máis demanda tiveron este ano, contribuíndo deste xeito a reforzar ás exportacións galegas, que seguen acadando valores históricos e que, segundo os últimos datos publicados, tamén medran máis nestas industrias.

Así, o balance do 2024 arroxa unha cifra exportadora acumulada de 18.009 millóns, o que supón un crecemento interanual do 3,9% con respecto aos sete primeiros meses do 2023, ano récord ata o de agora nas vendas ao exterior da comunidade ao superarse por primeira vez a barreira dos 30.000 millóns.

Desde a súa posta en marcha, o Goberno galego ten destinado máis de 10,3 millóns a un programa do que se beneficiaron máis de 1.200 empresas e que se complementa co Galicia Exporta Empresas e o Galicia Exporta Organismos Intermedios.

O primeiro promove tamén actividades de difusión, así como a participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional pero, neste caso, de empresas individuais. Posto en marcha no ano 2016, ten permitido ata o de agora apoiar preto de 1.500 plans de promoción internacional, con accións de difusión, e asistencia a feiras ou prospección de novos mercados, o que supuxo unha axuda total ata a data de 30,9M€.

Pola súa banda, o Galicia Exporta Dixital, que busca apoiar ás empresas galegas nos seus procesos de internacionalización dixital conscientes de que o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitividade nos mercados internacionais, ten beneficiado xa a máis de 400 empresas por importe de máis de 14 M€ e un investimento inducido de 17,6 M€.

  • Aberta a convocatoria da 8ª edición de ViaGalicia ata o 10 de decembro
    Ler máis
  • Lorenzana ofrece a Batea Oncology o apoio da Xunta para avanzar na loita contra o cancro cerebral
    Ler máis
  • A Xunta especializa a 50 mozas e mozos en comercio exterior para impulsar a internacionalización das empresas galegas
    Ler máis