O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe en Noia nunha nova etapa da iniciativa Camiño de futuro, posta en marcha pola Administración autonómica para difundir entre pequenas e medianas empresas de contornas non urbanas os instrumentos de apoio dirixidos a mellorar a súa competitividade. Un escenario no que Guldrís salientou a importancia de atraer e reter talento para consolidar a innovación como eixo de crecemento económico.
“A innovación e dixitalización hoxe en día son clave para recuperar o crecemento posterior á crise e tamén no contexto de incerteza e inflación actual”, resaltou o director do Igape, quen destacou que estes son “os factores máis influentes na competitividade das empresas”, motivo polo que desde a Xunta de Galicia se está a “apostar por este camiño para avanzar cara a un modelo económico máis forte e con maior valor engadido”.
Neste sentido, avanzou, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria do programa Talento Sénior, que permitirá atraer a Galicia 14 profesionais de alta cualificación cunha experiencia mínima de cinco anos.
Esta iniciativa alcanza xa a súa quinta edición e conta cun orzamento de 960.000 euros destinados a empresas, organismos de investigación e centros tecnolóxicos para que poidan contratar persoal tecnólogo ou doutor en proxectos de I+D+i. As axudas, en concorrencia competitiva, apoian contratos dun período mínimo de tres anos de duración; os incentivos varían entre un 40 e 60% en función da retribución bruta -que será dun mínimo de 40.000 euros-; primarase o retorno a Galicia de profesionais; e cada entidade poderá acceder a un máximo de dous contratos. Grazas ás convocatorias anteriores, lembrou Guldrís, xa se incorporaron 47 profesionais cualificados a actividades de I+D+i no ecosistema galego (30 en empresas e 17 en centros de coñecemento) cun apoio de 4,8M€ que mobilizaron o dobre: 9,6 millóns.
Programas de dixitalización
Neste marco, o director sinalou outras liñas de actuación xa en marcha, entre as que destacou algunhas das que está a promover o Igape, como as axudas á dixitalización das pemes, que reforzaron no último ano a intensidade dos apoios, chegando ata o 50% dos gastos do proxecto, con axudas que sumaron, de modo conxunto, preto de 7 millóns.
Así mesmo, continuou Guldrís, o programa Galicia Exporta Dixital ten aberto o prazo de presentación de solicitudes na procura de apoiar pequenas e medianas empresas no desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital, mentres que o Cheque Dixital permitiu colaborar con preto de 2400 autónomos e pequenas empresas, que accederon a máis de 9M€ en axudas.
A xornada acolleu tamén unha mesa redonda de casos de éxito empresarial con pemes innovadoras da contorna, que falaron da súa experiencia como beneficiarios de diferentes instrumentos de apoio da Administración autonómica para que a empresa mellore a súa competitividade a todos os niveis. Así, a cita contou coa participación da startup deportiva IQ Sports Scouting e da tenda de moda The Desire Shop.
En total, Camiño de futuro acolle catorce encontros de networking por toda a xeografía galega. A seguinte parada terá lugar o vindeiro luns no Concello de Arzúa. A iniciativa, organizada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, conta coa colaboración das consellerías do Medio Rural e do Mar, os grupos de desenvolvemento rural (GDR) e grupos de acción local pesqueira (GALP).
Camiño de futuro dá continuidade á iniciativa Camiño da innovación, unha das primeiras actuacións do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que ao longo dos meses de novembro e decembro pasados percorreu a través dun espazo itinerante un total de 18 localidades das catro provincias galegas, realizando máis de 240 asesoramentos a pemes galegas e asistindo máis de 550 persoas aos encontros. Máis información e inscrición neste enlace.