- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe os stands das empresas galegas que están a participar na Feira do sector naval SMM Hamburgo 2024
- Lorenzana resalta que se trata dun dos proxectos científicos máis ambiciosos e prometedores a nivel global
- Subliña que esta iniciativa é estratéxica para Galicia e reforza a súa posición no mapa da ciencia e a tecnoloxía a nivel mundial
Hamburgo (Alemaña), 5 de setembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a Xunta vai apoiar con 10M€ á empresa galega Gabadi na construción dun acelerador de partículas nos Estados Unidos de América.
“O noso apoio a esta iniciativa recoñece a importancia estratéxica do proxecto para Galicia e para o avance da ciencia en global e ademais marca un antes e un despois na contribución da Comunidade a proxectos científicos de vangarda”, apuntou a conselleira.
Este acelerador de partículas coñecido como DUNE (Deep Underground Neutrino Experiment) será o máis potente do mundo e desenvolverase na antiga mina de ouro en Dakota do Sur. “Trátase dun dos proxectos científicos máis ambiciosos e prometedores a nivel global e será clave para a investigación dos neutrinos e a explotación das orixes do universo”, dixo.
Gabadi é unha empresa de Narón especializada na fabricación de tanques de membrana por todo o mundo e un exemplo da aposta pola innovación, a internacionalización e os investimentos. Este proxecto sitúa á compañía galega como un factor chave na revolución científica que permitirá desentrañar os segredos máis profundos no universo.
A conselleira tamén puxo en valor que a participación de Gabadi neste proxecto destaca a capacidade técnica e a innovación da empresa galega e reforza a posición de Galicia no mapa da ciencia e a tecnoloxía a nivel mundial.
Feira do sector naval
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana visitou hoxe os stands das empresas galegas que están a participar estes días na Feira do sector naval SMM Hamburgo 2024 co apoio da Xunta de Galicia.
Neste marco, Lorenzana destacou a aposta que está a facer o Goberno galego por acompañar e dar resposta ás necesidades das empresas do naval, para o cal vai ser fundamental o plan director que se está elaborando para o sector.
Esta é a 31ª edición desta feira, a máis importante a nivel internacional sobre construción naval, maquinaria e tecnoloxía marítima, que se celebra cada dous anos por estas datas e atrae unha multitude de empresas e entidades do sector procedentes de todo o mundo. Do medio cento de empresas galegas participantes grazas ao apoio do Instituto Económico de Galicia (Igape), 24 delas contan con expositor propio, ao igual que Asime e Aclunaga.