- A directora do Igape, Covadonga Toca, asistiu ao encontro sobre emprendemento ‘Meetup na Praia’ que busca facilita o intercambio de valor entre os asistentes, promovendo a aprendizaxe e a innovación
- Subliña que este programa específico de apoio para startups abriuse por primeira vez en xaneiro e conta cun orzamento de 1,5M€
Nigrán (Pontevedra), 28 de agosto de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, lembrou hoxe que as startups galegas aínda poden solicitar as axudas da Xunta destinadas a impulsar proxectos emprendedores e innovadores emerxentes.
O Goberno galego abriu o pasado mes de xaneiro este primeiro programa específico de apoio que conta cun orzamento de 1,5M€ e cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro.
Covadonga Toca asistiu hoxe ao encontro sobre emprendemento ‘Meetup na praia’ onde tamén puxo en valor o programa ReAcciona do Igape, dotado este ano con mais de 3,2M€, e que ofrece a pemes e autónomos diferentes ferramentas e servizos avanzados para ser máis competitivos.
Meetup na praia
Este evento organizado polo Igape, dá comezo hoxe ás 20,00h e está deseñado para aquelas persoas emprendedoras e empresarias que buscan medrar, intercambiar ideas e crear sinerxias no seo dun formato innovador de networking na praia.
Durante o encontro, a directora do Igape subliñou que estes eventos están pensados para facilitar o intercambio de valor entre os asistentes, promovendo a aprendizaxe colectiva e a colaboración. Neste sentido animou a todos os emprendedores e emprendedoras, así como ás empresas galegas a impulsar os seus proxectos e sinalou que esta iniciativa “promete ser unha excelente oportunidade para conectar con outros profesionais, compartir coñecementos e descubrir novas oportunidades de crecemento.”