Lorenzana destaca o crecente posicionamento das empresas galegas no mercado alemán, con 350 xa implantadas no país

Mércores, 17 Xullo 2024 13:07
  • Son firmas de sectores tan diversos como o téxtil, o agroalimentario, o sector da maquinaria, as TIC, o farmacéutico, os servizos bancarios ou de consultaría
  • Apunta que desde o ano 2019 as exportacións galegas a Alemaña creceron case un 25% e rexistraron o pasado ano os 1.815M€, mentres que as importacións acadaron un volume de 797M€
  • Precisa que as empresas galegas que exportan regularmente a aquel país creceu no mesmo período un 15%, ata acadar a día de hoxe as 479, das que 316 o fan xa regularmente
  • Manifesta a intención do Goberno galego de continuar abrindo mercado ao tecido empresarial a través de programas como o Plan Foexga e da convocatoria de misións comerciais
  • A embaixadora amosa o seu interese pola política de incentivos da Xunta de Galicia para captar investimento foráneo, entre os que figuran a Oficina Económica de Galicia, o plan de aceleración de proxectos industriais e a Lei de Recursos Naturais

 

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o crecente posicionamento das empresas galegas no mercado alemán, que se reflicte tanto no incremento das exportacións a aquel país como no nivel de implantación.

Nun encontro coa embaixadora de Alemaña en España, Maria Margarete Gosse, con quen abordou as relacións comerciais que mantén Galicia co país xermano e a política industrial da Xunta, Lorenzana salientou que se trata do cuarto mercado receptor das exportacións galegas.

Así, apuntou que desde o ano 2019 as exportacións desde Galicia a Alemaña creceron case un 25% e rexistraron o pasado ano os 1.815M€, mentres que as importacións acadaron un volume de 797M€. A mesma tendencia que se rexistrou canto ao número de empresas galegas que exportan regularmente a aquel país, que creceu no mesmo período un 15%, ata acadar a día de hoxe as 479, das que 316 o fan xa regularmente.

Neste momento, ademais, son aproximadamente 350 empresas galegas as que están implantadas no país, de sectores tan diversos como o téxtil, o agroalimentario, o sector da maquinaria, as TIC, o farmacéutico ou os servizos bancarios ou de consultaría. O téxtil, a automoción, o metalmecánico, o agroalimentario, os produtos minerais e as industrias químicas -cun incremento do 85% desde o ano 2029-, son, de feito, os principais sectores exportadores a Alemaña. 

Política industrial da Xunta e RDG

Na xuntanza, Lorenzana manifestou a intención do Goberno galego de seguir consolidando esta tendencia e continuar abrindo mercado ás empresas galegas no país, a través de programas como o Plan Foexga e da convocatoria de misións comerciais por parte do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en colaboración coas Cámaras de Comercio.

Igualmente, a embaixadora de Alemaña en España, Maria Margarete Gosse, amosou o seu interese pola política de incentivos da Xunta de Galicia para captar investimento foráneo, entre os que figuran o servizos de asesoramento da Oficina Económica de Galicia, o plan de aceleración de proxectos industriais e a Lei de Recursos Naturais xunto coa sociedade público-privada RDG (Recursos de Galicia).

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis