Lorenzana apela a aproveitar as oportunidades que ofrece a Intelixencia Artificial para o tecido empresarial

Luns, 15 Xullo 2024 09:49
  • Indica que no ano 2023, o uso da Intelixencia Artificial nas empresas TIC galegas foi do 29,5%, o que supón un crecemento relativo desde 2021 do 36,6% e un 5% respecto ao ano anterior
  • Sinala que as TIC xa teñen un impacto moi significativo no conxunto da economía galega pero, para acrecentalo, a Xunta está a elaborar o plan director do sector
  • Destaca que sectores estratéxicos como a automoción, a agroindustria e o sector marítimo-pesqueiro xa comezaron a integrar solucións de Intelixencia Artificial para monitorizar procesos, mellorar as cadeas de subministración e reducir custos

 

O Grove (Pontevedra), 12 de xullo de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, apelou hoxe a aproveitar as oportunidades que ofrece a Intelixencia Artificial para o tecido empresarial, mesturando investimento tecnolóxico, formación, colaboración público-privada e un enfoque coidadoso en ética e regulación.

Así o manifestou hoxe durante a súa participación na mesa redonda O impacto da IA na estratexia organizacional, no Encontro da Toxa, onde apuntou que, segundo o Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (Osimga), no ano 2023, o uso da Intelixencia Artificial nas empresas TIC galegas foi do 29,5%, o que supón un crecemento relativo desde 2021 do 36,6% e un 5% respecto ao ano anterior. En Galicia, sectores estratéxicos como a automoción, a agroindustria e o sector marítimo-pesqueiro xa comezaron a integrar solucións de Intelixencia  Artificial para monitorizar procesos, mellorar as cadeas de subministración e reducir custos.

Segundo dixo, as TIC xa teñen un impacto moi significativo no conxunto da economía galega pero, para acrecentalo, a Xunta está a elaborar o plan director do sector, declarado estratéxico xunto cos da automoción, o naval, o metalmecánico, o forestal-madeira e a loxística industrial. Contará con medidas que permitan impulsar a modernización e a produtividade, implantar modelos de produción máis eficientes e respectuosos co medio ambiente e mellorar a seguridade e onde terá un peso especial, ademais, o talento e a cualificación do capital humano.

Para que as empresas poidan facer fronte a estes retos, a conselleira lembrou que a Xunta, a través do Igape, leva convocando desde 2018 dúas liñas de axuda que suman case 7M€ para facilitar a transformación industrial e a dixitalización de pemes e autónomos, ademais de incentivar investimentos no eido da economía circular. Nestes seis anos, os apoios concedidos suman máis de 20M€ cun mobilizado de 40M€ no tecido empresarial. Referiuse, tamén, ao labor de asesoramento que realiza a Oficina Económica de Galicia nesta materia, así como aos apoios para a constitución de centros de fabricación avanzada.

Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas españolas en aprobar unha estratexia propia de Intelixencia Artificial (a EGIA), ademais de ser designada como sede da primeira axencia estatal de supervisión que se crea en Europa. Na mesma liña, apuntou que se abriu un proceso de consulta pública para a elaboración da futura lei de intelixencia artificial en Galicia.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis