A Xunta salienta a importancia dunha industria apoiada na innovación, na sustentabilidade e no talento

Xoves, 04 Xullo 2024 13:33
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugura o II Foro de Sustentabilidade onde avoga por impulsar o binomio dixitalización – sustentabilidade para mellorar a competitividade do tecido empresarial
  • Lembra que o Goberno galego activou este ano unha nova liña de axudas para desenvolver proxectos centrados nos factores ASG nas pemes, outra convocatoria do programa de apoio á transformación dixital de empresas e autónomos, ou ten en marcha unha ampla rede de aceleradoras en “ámbitos clave” da economía galega
  • Destaca o compromiso da Xunta co talento e a formación, materializado en programas como o Capacita Directivos, no marco do cal se desenvolve esta xornada e que ata o de agora ten permitido realizar máis de 80 actividades formativas nas que participaron máis de 18.000 asistentes

 

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugurou esta mañá o II Foro de Sustentabilidade organizado por APD en Santiago, un escenario no que destacou a importancia de seguir a traballar nunha industria que se sustente na propia sustentabilidade, na innovación e no talento para garantir o futuro.

“Non temos dúbida de que o esforzo que vimos realizando no impulso á transformación dixital, agora ten que ser un binomio dixitalización – sustentabilidade”, incidiu Toca Carús, que puxo de manifesto que, deste xeito, o tecido empresarial galego mellorará a súa competitividade de cara a afrontar os “retos decisivos” que ten por diante.

Entre estes a directora do Igape apuntou á propia aceleración da dixitalización, a promoción dun modelo enerxético sustentable, a potenciación do talento e da innovación, o impulso da economía circular ou o reforzo da internacionalización. Aspectos, afondou, nos que a Xunta vén traballando desde a cooperación público-privada promovendo distintas iniciativas.

Entre elas, Toca Carús destacou unha nova liña de axudas para desenvolver proxectos para a mellora dos factores ASG nas pemes, que conta cun orzamento dun millón de euros; outra convocatoria do programa de apoio á transformación dixital de empresas e autónomos, á que se destinaron este ano 5 millóns; ou a rede de aceleradoras en “ámbitos clave” da economía galega como a automoción (BFAuto), a alimentación (BFFood), a aeronáutica (BFAero), destacando a nova aceleradora BFClimaTech que atende á sustentabilidade ambiental como forma de garantir un crecemento sustentable a longo prazo.

  • A Xunta resalta o papel da loxística na competitividade e na "globalización económica" da industria galega
    Ler máis
  • Lorenzana destaca o papel de CEAPI na internacionalización do tecido empresarial galego
    Ler máis
  • A Xunta destaca a importancia do talento e da formación para manter a competitividade do tecido empresarial galego
    Ler máis