A nova convocatoria do programa de bolseiros especializa en comercio exterior a mozas e mozos facilitando ás pemes galegas a busca de novos mercados internacionais

Venres, 21 Xuño 2024 12:54
  • O Diario Oficial de Galicia publica as bases dunha iniciativa dirixida a estudantes con titulacións universitarias de grao superior, que poderán formarse en diferentes destinos mundiais mellorando a súa empregabilidade e potenciando a competitividade do tecido produtivo galego
  • Desde a súa posta en marcha, o programa da Consellería de Economía e Industria beneficiou xa a 400 profesionais, que colaboraron na promoción exterior das empresas galegas desde mercados, entre outros, como Filipinas, Canadá, Estados Unidos, China, Australia, Corea do Sur ou Emiratos Árabes
  • Cun orzamento de 3 millóns de euros, o programa formará a medio cento de titulados universitarios, reforzando a capacitación para a internacionalización e a promoción e contratación de recursos humanos altamente especializados por parte do tecido empresarial galego

 

Santiago, 21 de xuño de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova convocatoria do programa de bolseiros de internacionalización, que permite aos participantes adquirir competencias profesionais en mercados exteriores na procura de seguir a mellorar as vendas internacionais do tecido empresarial galego. Desta volta, a iniciativa, impulsada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, destina máis de 3 millóns de euros para fortalecer a especialización en comercio exterior de 50 mozas e mozos galegos.

A convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes iníciase mañá permanecendo aberto ata o 22 de xullo, vai dirixida a persoas menores de 35 anos, con titulación universitaria superior. O obxectivo é achegar formación práctica en internacionalización que se poderá levar a cabo no estranxeiro e ou en Galicia, en entidades e organismos oficiais relacionados coa internacionalización empresarial.

Os países nos que os seleccionados completarán a súa formación no estranxeiro inclúen novos mercados internacionais, algúns deles de interese estratéxico para o tecido empresarial galego. Así, os bolseiros terán como posibles destinos, entre outros, Bogotá, Casablanca, Chicago, Dubai, Dusseldorf, Johannesburgo, Kuala Lumpur, Lima, México, Miami, Montevideo, Oslo, Ottawa, Roma, Seúl, Singapur, Tokio, Varsovia ou Yakarta.

Deste xeito, a iniciativa contribúe á capacitación profesional de novos titulados na internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os bolseiros achegando os seus coñecementos ao tempo que reforzan a súa formación práctica.

A programación das bolsas abrangue o estudo dos sectores máis importantes dos mercados estranxeiros, a análise das oportunidades e debilidades dos sectores estratéxicos galegos en relación coa súa internacionalización e o estudo das formas de introdución das empresas nos mercados internacionais, contando para a aprendizaxe co apoio de titores tanto nas estadías no estranxeiro como en Galicia.

Este programa facilitou desde a súa posta en marcha a capacitación de 400 novos titulados galegos, que se especializaron en comercio exterior mentres colaboraron coa internacionalización das empresas de Galicia desde mercados tan dispares como Filipinas, Canadá, Estados Unidos, China, Australia, Corea do Sur ou Emiratos Árabe, entre outros.

A iniciativa inclúese na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2021 - 2025 que está a promover a Xunta para contribuír ao incremento da competitividade exterior das empresas galegas, que durante o ano pasado acadaron rexistros históricos en exportacións, ao superar a barreira dos 30.000 millóns, e que este ano se manteñen en números similares durante o primeiro trimestre. 

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis