Lorenzana destaca os apoios da Xunta para a instalación de equipamentos enerxéticos eficientes en empresas e vivendas

Venres, 21 Xuño 2024 11:36
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a I edición da Feira Ferrexpo, organizada por Ferrecal
  • Apunta que neste momento están en proceso de resolución as dúas liñas convocadas este ano para particulares (3,5M€): para a instalación de equipamentos de xeotermia, aerotermia e solar térmica, e para placas de enerxía fotovoltaica
  • Resalta os datos deste sector que en Galicia lidera Ferrecal: a subministración ao por maior de materiais para fontanería, calefacción e climatización

 

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a primeira edición da feira Ferrexpo, organizada por Ferrecal, onde puxo de relevo os apoios que a Xunta destina a empresas e particulares para a instalación de equipamentos enerxéticos máis eficientes.

Segundo precisou, neste momento están en proceso de resolución as dúas liñas convocadas este ano para particulares (3,5M€). Por un lado, para a instalación de equipamentos de xeotermia, aerotermia e solar térmica (2M€), con axudas máximas de ata 10.000 euros para vivendas unifamiliares e de 40.000 para comunidades de propietarios. E, por outro, para placas de enerxía fotovoltaica (1,5M€), con ata 6.000 euros de subvención se se instalan baterías.

“Queremos continuar apoiando as empresas neste reto que teñen de transformarse, pero tamén aos fogares, para que cada vez sexa máis doado e economicamente máis barato poder acceder a estas novas tecnoloxías”, dixo Lorenzana, quen resaltou os datos do sector que en Galicia lidera Ferrecal: a subministración ao por maior de materiais para fontanería, calefacción e climatización.

Un sector de actividade, dixo, que ten moitos retos por diante derivados da transición enerxética e a sustentabilidade. E no cal Galicia está entre as seis comunidades autónomas en número de empresas (126); a maior parte, na provincia de Pontevedra (54); e ocupa o oitavo lugar en facturación (337M€), coa provincia da Coruña á cabeza.

Lorenzana concluíu eloxiando a iniciativa, que considerou aliñada co compromiso da Xunta por atraer empresas e facilitar as relacións comerciais a través da Oficina Económica de Galicia. Ademais, puxo de manifesto que participan 83 provedores do sector e se espera a visita de máis de 1.200 persoas, entre instaladores, especialistas, técnicos e responsables de produto.

  • Aberta a convocatoria da 8ª edición de ViaGalicia ata o 10 de decembro
    Ler máis
  • Lorenzana ofrece a Batea Oncology o apoio da Xunta para avanzar na loita contra o cancro cerebral
    Ler máis
  • A Xunta especializa a 50 mozas e mozos en comercio exterior para impulsar a internacionalización das empresas galegas
    Ler máis