A Xunta destaca o labor das antenas do Igape para achegar ao tecido empresarial galego un amplo mercado con novas oportunidades de negocio

Martes, 04 Xuño 2024 18:48
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugurou a xornada “Marrocos: Economía e oportunidades de negocio en África para as empresas galegas”, onde puxo en valor o traballo conxunto co tecido produtivo na mellora do seu posicionamento nun país que ocupa o sétimo lugar no conxunto das exportacións galegas
  • Destaca que Marrocos conta cunha das antenas do Igape no exterior, xunto ás de México, EEUU, e China, ás que se suman este ano as aperturas en Xapón e Emiratos Árabes, o que configura, de modo conxunto, un mercado de máis de 2.000 millóns de persoas
  • Salienta que máis de 600 empresas galegas exportan nestes momentos a Marrocos, destacando sectores como o téxtil, a automoción, os produtos minerais, o metalmecánico ou o agroalimentario

 

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugurou esta mañá a xornada “Marrocos: Economía e oportunidades de negocio en África para as empresas galegas”, celebrada con motivo da renovación dos servizos que ofrece a Antena do Igape instalada no país.

Unha Antena que, como o resto destas oficinas, ten por obxectivo facilitar o camiño das empresas galegas en destino, procurando achegar información e acompañar ás pemes nos seus proxectos de internacionalización e configurando, así, un mercado de potenciais consumidores na busca de novas oportunidades de negocio.  

Neste sentido, a Antena do Igape en Marrocos facilita o labor comercial das máis de 600 compañías galegas que operan neste momentos nun país que se sitúa no sétimo lugar no que ao global das exportacións galegas se refire.

Así, durante o último ano, as exportacións galegas a Marrocos superaron os 1.260 millóns, destacando sectores como o téxtil (695M€), a automoción (114M€), os produtos minerais (112M€), o metalmecánico (86,5M€) ou o agroalimentario (79,3M€).

Neste marco, Toca Carús salientou que a Xunta suma este ano, ás antenas de Marrocos, México, EEUU, e China, a apertura en Xapón e Emiratos Árabes. “Con estas oficinas, o Igape apoia ás empresas galegas nun mercado conxunto de máis de 2.000 millóns de potenciais consumidores”, afondou a directora do Igape, que lembrou que, entre os principais servizos que presta este rede de Antenas atópase o acompañamento e asesoramento inicial, o apoio á implantación en destino, a elaboración de axendas comerciais ou o apoio á expansión comercial en destino.

“Deste xeito, ofrécense servizos individualizados e gratuítos para as empresas, as asociacións empresariais e as institucións galegas, actuando como unha ponte que una á empresa co seu mercado de destino, permitindo a súa internacionalización de forma adecuada”, salientou Toca Carús.

Así mesmo, a directora do Igape afondou tamén noutros programas e actuacións en materia de internacionalización que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, entre os que destacou os bolseiros e xestores de internacionalización, as liñas Galicia Exporta Empresas, OOII e Galicia Exporta Dixital, ou o Plan Foexga  en colaboración coas Cámaras de Comercio. “E este ano sumamos tamén unha nova liña de Préstamos directos  para financiar a implantación das empresas galegas no exterior”, engadiu.

“Fomentar a cooperación público-privada permitiranos manter e reforzar a colaboración co tecido produtivo galego, cooperación necesaria para axudar ás empresas para superar os obstáculos que enfrontan ao exportar e expandirse a mercados internacionais”, concluíu Toca Carús.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis