A Xunta apunta á importancia do talento e da formación como recursos máis valiosos para garantir a competitividade do tecido empresarial

Xoves, 30 Mai 2024 21:20
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, clausura o primeiro curso da Escola Galega de Conselleiros, do que destaca a súa aposta por ofrecer unha formación “continua e específica” para os dirixentes das empresas familiares galegas, que supoñen o 92% do tecido empresarial da Comunidade
  • Pon en valor a importancia destas compañías pola súa contribución á hora de “mover a economía galega”, representando unha parte fundamental desta por volume, por calidade das actividades que desenvolven e por tradición
  • Salienta o compromiso da Xunta coa formación para garantir a competitividade, materializado en programas como o Capacita Directivos, que suma xa máis de 18.000 asistentes, ou o Reacciona, que facilita o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos

 

Santiago, 30 de maio de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, clausurou hoxe o primeiro curso da Escola Galega de Conselleiros (ESGACO), un marco no que destacou a importancia do talento e da formación como “recursos máis valiosos” para garantir a competitividade do tecido empresarial galego.

Neste contexto, Toca Carús resaltou a importancia deste curso da ESGACO ao “ofrecer unha formación continua e específica para os dirixentes das empresas familiares galegas”, que supoñen, afondou, o 92% do tecido empresarial da Comunidade.

A directora do Igape puxo en valor a importancia destas compañías pola súa contribución á hora de “mover a economía galega”, representando unha parte fundamental desta por volume, por calidade das actividades que desenvolven e por tradición.

Sobre esta base, Toca Carús valorou o “ambicioso programa” desta iniciativa, que inclúe temas como as responsabilidades dos administradores, a incorporación de familiares aos consellos, a sucesión na empresa familiar ou a busca de ferramentas que doten de músculo financeiro. “O que se persegue é ofrecer unha formación continua e específica para os dirixentes das empresas familiares galegas, principal motor do noso tecido empresarial”, afondou.

A directora agradeceu este tipo de iniciativas ao tempo que avogou por colaborar coas institucións, neste caso co Club Financeiro de Santiago, “para proporcionar unha formación de calidade que non só transmita coñecementos, senón que tamén inspire a creatividade e o pensamento innovador”.

Unha aposta, proseguiu, que comparte o Goberno galego e que, a través do traballo da Consellería de Economía e Industria, se materializa en programas como o Capacita Directivos, que suma xa máis de 18.000 asistentes a 80 actividades formativas presenciais ou online, ou o Reacciona, que facilita o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos.

“As empresas familiares tedes a vantaxe de coñecer mellor que ninguén os problemas e necesidades do voso territorio e sector. Espero e confío en que esta Escola contribuirá a entender un pouco mellor a realidade e a anticipar algo o futuro máis próximo”, concluíu a directora do Igape.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis