A Xunta destina 2,5 M€ á posta en marcha de dous centros dixitais que mellorarán a competividade das pemes galegas

Luns, 03 Xuño 2024 18:44
  • O Diario Oficial de Galicia publica a resolución dunha convocatoria que busca facilitar ás pequenas e medianas empresas o acceso a dotacións dixitais e servizos avanzados a prezos competitivos e con prazos axustados ás súas necesidades
  • A liña enmárcase no programa de Fondos de Transición Xusta, que buscan xerar un impacto económico e social positivo nestas zonas que, no caso de Galicia, están localizadas na provincia da Coruña
  • Os proxectos permitirán a activación do primeiro punto neutro de conectividade en Galicia que promoverá a xestión autónoma do tráfico de internet, e dun centro de produción remota para o audiovisual coa tecnoloxía máis avanzada

 

Santiago de Compostela, de xuño de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a resolución da primeira convocatoria de axudas do Fondo de Transición Xusta para a provincia da Coruña que impulsa a Consellería de Economía e Industria a través do Igape. Trátase do novo programa de Centros Dixitais que suma 2,5 M€ para o impulso de dúas iniciativas que contribuirán á mellora da dixitalización do tecido empresarial e a modernizar a industria galega a través de novos proxectos de creación deste tipo de infraestruturas.

O obxectivo é facilitar, tanto a nivel empresarial como local, a mellora da dixitalización dos procesos empresariais, a contorna das empresas e os consumidores, así como modernizar e desenvolver a base industrial. Non en vano, a dispoñibilidade local destas infraestruturas dixitais de apoio e reforzo á industria beneficia de xeito especial ás pemes, ao permitirlles acceder a dotacións dixitais e servizos avanzados a prezos competitivos e con prazos axustados ás súas necesidades.

Neste sentido, os dous proxectos apoiados permitirán, dun lado, a activación do primeiro punto neutro de conectividade en Galicia, capaz de promover a xestión autónoma do tráfico de internet para mellorar a latencia de navegación, o que impulsará a transformación dixital entre as empresas galegas, especialmente no ámbito rural, sectores emerxentes e pemes; e, doutro, dun centro de produción que permite gobernar, de xeito remoto, producións audiovisuais empregando á tecnoloxía máis avanzada.

A través dos Centros Dixitais, o Goberno galego reforza a súa aposta por un modelo de crecemento intelixente, sustentable e innovador, contribuíndo á modernización e desenvolvemento da base industrial da zona na que se instalen.

Neste sentido, cómpre salientar que estas actuacións están cofinanciadas pola Unión Europea a través do Programa de Fondos de Transición Xusta, que buscan xerar un impacto económico e social positivo e contribuír á consolidación das pequenas e medianas empresas nos lugares definidos para estas zonas, que se enfrontan a retos socioeconómicos importantes derivados do proceso de transición cara á neutralidade climática logo do peche das centrais térmicas. No caso de Galicia,  localízanse na provincia da Coruña.  

Así mesmo, o programa dá continuidade a outro tipo de actuacións deste estilo, como os Centros de Fabricación Avanzada, que están a impulsar sete proxectos que suman máis de 18,6 M€ en apoios e que están a permitir promover iniciativas en sectores industriais diversos, como as TIC, o biotecnolóxico, o turismo, o agroalimentario ou a saúde e deporte.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis