Lorenzana pon en valor as políticas da Xunta para promover e consolidar as iniciativas empresariais emerxentes e innovadoras

Xoves, 30 Mai 2024 21:15
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións da startup Hack a Boss na Coruña
  • Explica que o Goberno galego ten aberta unha liña de axudas por importe de 1,5M€ dirixida ás startups galegas ou cun centro de traballo en Galicia
  • Sobre Hack a Boss, a titular de Economía e Industria eloxia o talento do seu equipo de profesionais e os índices de benestar laboral da empresa

 

A Coruña, 30 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor as políticas da Xunta para promover e consolidar en Galicia a actividade emprendedora de carácter máis innovador.

Durante unha visita ás instalacións da startup Hack a Boss na Coruña, Lorenzana explicou que o obxectivo do Goberno galego é o de poñer as máximas facilidades posibles para a creación e o mantemento de iniciativas empresariais emerxentes, innovadoras ou de base tecnolóxica, como son as startups.

Neste marco, a conselleira explicou que a Xunta activou por primeira vez este ano unha liña de axudas cun orzamento de 1,5 millóns de euros que estará aberta ata o vindeiro 30 de setembro e que vai dirixida ás startups galegas ou cun centro de traballo en Galicia.

Estas axudas cobren os gastos e investimentos propios do proceso de lanzamento e consolidación temperá dos seus proxectos, e os custos habituais necesarios en todas as etapas e que, moitas veces, supoñen un grande obstáculo para as persoas emprendedoras. As contías oscilan entre os 10.000 e os 20.000 euros e cobren o 100% e ata o momento concedéronse 41 por importe de máis de 741.000 euros.

Sobre Hack a Boss, a titular de Economía e Industria eloxiou o talento do seu equipo de profesionais e os índices de benestar laboral da empresa, na que un 63 por cento dos seus postos directivos están ocupados por mulleres, que son tamén máis da metade do cadro de persoal, que conforman 80 persoas. “A aposta polas políticas de benestar, en xeral, demostra que se retén o talento e dá bo resultado desde o punto de vista económico”, dixo.

Lorenzana puxo esta startup como exemplo do potencial de crecemento do sector TIC en Galicia, que representa o 2,7% do PIB autonómico, xerou nos últimos cinco anos preto de 4.000 postos de traballo e roza xa os 23.000 empregos directos en Galicia.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis