Lorenzana apela a seguir traballando conxuntamente na mellora competitiva, a transformación tecnolóxica e a diversificación do sector naval en Galicia

Venres, 24 Mai 2024 14:51
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou nun encontro empresarial organizado pola Fundación e Centro Tecnolóxico Soermar, en Navalia
  • Salienta que este sector, xunto co da automoción, van ser os dous que van contar cun plan director dentro dos primeiros cen días de Goberno
  • “E moi importante que este ano teñamos un plan director do naval funcionando; é fundamental atopar esas vías de financiamento para toda a innovación que precisan os estaleiros de Galicia”, remarca

 

Vigo, 23 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, ofreceu hoxe todo o apoio da Xunta para traballar conxuntamente fronte a tres retos fundamentais para o sector naval en Galicia, como son a mellora competitiva, a transformación tecnolóxica e a diversificación de mercados.

Así o trasladou hoxe durante a súa intervención nun encontro empresarial organizado en Navalia pola Fundación e Centro Tecnolóxico Soermar, onde salientou que o Goberno galego ten unha meta nesta lexislatura que é aumentar o peso da industria no PIB, para o cal o naval vai ter “moitísimo que achegar”, dixo.

Con este obxectivo, Lorenzana explicou que este sector, xunto co da automoción, van ser os dous que van contar cun plan director dentro dos primeiros cen días de Goberno. “E moi importante que este ano teñamos un plan director do naval funcionando; é fundamental atopar esas vías de financiamento para toda a innovación que precisan os estaleiros de Galicia e para que continuedes estando no primeiro nivel do mundo”, subliñou.

A conselleira puxo de manifesto a resistencia do sector naval en Galicia que “conseguiu sobrevivir a múltiples variacións do mercado, conseguiu diversificarse, seguir reinventándose, innovando e, actualmente, emprega entre empregos directos e indirectos máis de 20.000 persoas en Galicia, e isto ten que seguir crecendo”, apostilou.

Para concluír, a Lorenzana puxo de relevo as cifras récord acadadas nesta novena edición de Navalia, con  522 expositores, un 22 por cento máis que en 2022, e 75 países presentes.

  • Aberta a convocatoria da 8ª edición de ViaGalicia ata o 10 de decembro
    Ler máis
  • Lorenzana ofrece a Batea Oncology o apoio da Xunta para avanzar na loita contra o cancro cerebral
    Ler máis
  • A Xunta especializa a 50 mozas e mozos en comercio exterior para impulsar a internacionalización das empresas galegas
    Ler máis