Lorenzana salienta o traballo que está a facer a Xunta para impulsar a competitividade das empresas provedoras da automoción

Martes, 21 Mai 2024 13:20
  • Subliña que o plan director que a Xunta está elaborando para o sector é un plan a varios anos que pretende dirixir a estratexia público-privada na automoción en Galicia
  • Explica que o obxectivo da nova liña de axudas que se vai aprobar é facilitar que poidan reducir os custos e competir mellor nas adxudicacións

 

Redondela (Pontevedra), 16 de maio de 2024.- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe o traballo que está a facer a Xunta por impulsar a competitividade das empresas provedoras da industria da automoción en Galicia a través das axudas que van acompañar o plan director que se está a elaborar para este sector.

Nunha visita á planta de OP Mobility, especializada na fabricación de compoñentes e módulos exteriores de automóbiles, Lorenzana explicou que se trata dun plan a varios anos que pretende dirixir a estratexia público-privada na automoción en Galicia. Un sector, engadiu que “está nun momento de cambio e de dificultades derivado da competencia polos custos de produción”, dixo.

Segundo explicou, vai ir acompañado de distintos apoios económicos, entre eles, a nova liña de axudas dirixida ás empresas da industria auxiliar que se vai aprobar proximamente e que, segundo precisou, xunto coa factoría de Stellantis en Vigo, dan emprego a un total de 25.000 persoas. “O que pretendemos é facilitar a compra de investimentos, a eficiencia enerxética das empresas e así conseguir que poidan reducir os custos e  competir mellor nas adxudicacións”, explicou.

Sobre OP Mobility, unha das maiores provedoras de Stellantis en Galicia, destacou que conta con cinco plantas en España e dá emprego a máis de 5.700 persoas, arredor de 540 na factoría de Redondela.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis