Lorenzana apela ao traballo coordinado entre Xunta e concellos emprendedores para incentivar a actividade empresarial en Galicia

Martes, 30 Abril 2024 18:30
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe o Concello do Porriño, adherido desde febreiro á rede de Concellos Emprendedores
  • Destaca que a figura dos Concellos Emprendedores vai ser moi importante nesta lexislatura en que a Xunta vai redobrar a súa aposta pola industria
  • “Ese pacto pola industria e a enerxía que o presidente Rueda ofreceu a todos os partidos e administracións pódese facer realidade dando pasos coma este, onde todos teñamos claro que para continuar avanzando na industria e no emprego é necesario a colaboración entre administracións e a colaboración público-privada”, asegura

 

O Porriño (Pontevedra), 30 de abril de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, apelou hoxe ao traballo coordinado entre a Administración autonómica e os Concellos Emprendedores para incentivar a actividade empresarial e a implantación de tecido industrial en Galicia.

Nunha visita ao Concello do Porriño que, desde febreiro este ano, conta con esta distinción, Lorenzana destacou que a figura dos Concellos Emprendedores vai ser moi importante nesta lexislatura en que a Xunta vai redobrar a súa aposta pola industria. Esta iniciativa, dixo, “encaixa perfectamente co pulo industrial que o presidente Rueda quere poñer como un dos acentos e das cuestións máis importantes a liderar nesta lexislatura”.

Segundo apuntou, a día de hoxe, en Galicia hai rexistrados 156 Concellos Emprendedores; 25 deles, na provincia de Pontevedra. Esta condición outorga a estes municipios preferencia á hora de optar a ordes de axuda da Xunta que teñan que ver coa industria, o comercio ou o impulso ao emprego, entre outras. Se se trata de convocatorias de subvencións en réxime de concorrencia competitiva dirixidas a empresas, autónomos ou entidades sen ánimo de lucro asentadas nun Concello Emprendedor, preverase un criterio de valoración específico que, no baremo de puntuación, supoña entre o 5 % e o 10 % do total.

Por outra banda, con respecto aos compromisos que adquiren os Concellos Emprendedores son, entre outros: resolver as licenzas de obra no prazo máximo de 30 días naturais, unha vez que se dispoña de toda a documentación e informes; establecer bonificacións aos prezos das parcelas de titularidade municipal; ofrecer ás empresas a posibilidade de acudir ao dereito de superficie; dar tramitación urxente aos procedementos relacionados coas iniciativas empresariais prioritarias; e aprobar bonificacións fiscais de ata o 95 % en impostos municipais como son o IBI, o IAE e o ICIO.

En palabras de Lorenzana, pertencer a esta rede supón un compromiso por parte do Concello e da Xunta por impulsar a axilización administrativa. Nese sentido, salientou que a Administración autonómica está traballando a través da Oficina Económica do Igape en axilizar os trámites para calquera empresa. Tamén en fomentar a implantación de nova industria co plan de aceleración de proxectos industriais estratéxicos, que compromete un prazo de tramitación de menos dun ano. E, en terceiro lugar, en poñer solo industrial de maneira áxil para todas as empresas.

A conselleira concluíu convidando ao resto de concellos galegos que aínda non o fixeron, a sumarse á rede de Concellos Emprendedores. “Ese pacto pola industria e a enerxía que o presidente Rueda ofreceu a todos os partidos e administracións pódese facer realidade dando pasos coma este, onde todos teñamos claro que para continuar avanzando na industria e no emprego é necesario a colaboración entre administracións e a colaboración público-privada”, remarcou.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis